Rexeitan a petición dun colectivo católico de paralizar a retirada dun símbolo falanxista en Vilagarcía

Abogados Cristianos pedía a permanencia na igrexa de Santa Eulalia dunha cruz que rende homenaxe a José Antonio Primo de Rivera e que xa foi retirada este ano. Na Galiza aínda fican máis de 600 símbolos franquistas.
A igrexa de Santa Eulalia (Vilagarcía), coa cruz que se pedía non retirar (Foto: Google Maps).
photo_camera A igrexa de Santa Eulalia (Vilagarcía), coa cruz que se pedía non retirar (Foto: Google Maps).

O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra ditou auto desestimando a solicitude da Fundación Abogados Cristianos de paralizar de forma cautelar e urxente os traballos de retirada dunha cruz dedicada "aos caídos" e en homenaxe ao falanxista José Antonio Primo de Rivera na igrexa de Santa Eulalia, en Vilagarcía de Arousa.

Na súa resolución, a xuíza indica que esta fundación carece de lexitimidade para solicitar esta medida, porque "nin é titular do dereito á liberdade relixiosa nin invoca ou acredita un dereito de acción pública urbanística para poder interesar nada en relación coas decisións que afectan o patrimonio da igrexa".

Aliás, tras lembrar que hai un acordo co arcebispado de Compostela e o visto e prace de Patrimonio da Xunta para esa retirada, sinala que a parte recorrente non acreditou "a existencia dos danos irreparábeis aos que fai referencia, pois non debe de esquecerse que a cruz se atopa na fachada da igrexa, a cal pertence ao patrimonio eclesiástico".

Porén, o pasado mes xa se retirou a cruz e parte da simboloxía que compuña o espazo, como a placa que lembraba os "caídos", e este marzo concluíu o proceso.

Máis de 600 símbolos aínda presentes

O sociólogo e investigador Manuel Monge publicou recentemente o libro Os restos do franquismo na Galiza, que contabilizaba 602 símbolos do franquismo. "A listaxe non para de medrar, cada día aparecen novos símbolos e hoxe son xa 650 repartidos por 90 concellos", expuxo, en declaracións a Nós Diario, en marzo do pasado ano.

A cidade da Coruña lidera a clasificación, con 102 [segundo o reconto feito daquela], entre os que destacan os múltiples recoñecementos a alcaldes da ditadura como Sergio Peñamaría, quen en 1939, como tenente da Lexión, "participou nun masacre represivo no Barco de Valdeorras", un concello que si lle retirou os honores e que en 2019 instou o consistorio coruñés a facer o propio.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios