Reparar na memoria: devolvendo o pasado ao presente

A Deputación de Pontevedra presentou esta semana o libro homónimo do seu programa de memoria histórica "O pasado por vir", onde buscan pór en valor "o acontecido antes do golpe de Estado que fixo perder moitas oportunidades á Galiza", explica a deputada María Ortega a 'Nós Diario'.
Presentacion libro 'O pasado por vir'
photo_camera Presentación do libro 'O pasado por vir'. (Foto: Deputación Pontevedra)

A Deputación de Pontevedra vén de presentar o libro O pasado por vir. Achegas á historia de Pontevedra que desbotou o Franquismo, un traballo coordinado por Montse Fajardo que reúne 10 análises -feitas por Marcelino Abuín, Carlos F. Velasco, Dionisio Pereira, Xosé Álvarez, Manuel Igrexas, Raúl Soutelo, Ricardo Gurriarán, María Victoria Martíns, Carme Vidal e a propia Monte Fajardo-  do país desde o eido económico, político, social, cultural e o ensino sobre  as "oportunidades que a Galiza perdeu a causa do golpe de Estado de 1936 e a represión que veu despois", explica a deputada responsábel do departamento de Memoria Histórica, María Ortega, en conversa con Nós Diario.

Esta actividade forma parte do proxecto "O pasado por vir", co cal a Deputación busca "tratar a memoria con perspectiva de país, de clase e de xénero, para coñecer o pasado brillante da Galiza e así facelo noso no presente para ter un futuro prometedor", explica Ortega. 

Con esta idea, o departamento rompe "co discurso preestabelecido de que temos que tirar cara a adiante, perdoando e esquecendo o acontecido" para "pór en valor o pasado e loitar contra a impunidade que hoxe en día segue ferindo a memoria das vítimas e as súas familias e que non nos permite camiñar cara a unha democracia madura e sólida", asevera a responsábel.

Tratar a mocidade como elemento activo

Malia ser un proxecto pensado para todo tipo de público, a Deputación prioriza o papel da mocidade "para que esta non sexa un elemento pasivo, senón que axude a pór en valor este pasado e que así o discurso pase á xente nova e se implique", sinala Ortega. 

Con este obxectivo, creouse o I Premio Microteatro da Memoria, en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática da Galiza (ESAD), e a realización dunha banda deseñada sobre a Illa de San Simón, onde contan co traballo do alumnado da localidade e do Garaxe Hermético. 

O premio de microteatro era outorgado o pasado mes de febreiro a Ana Abad de Larriva pola súa obra Un biolo na noite, unha peza baseada nos feitos reais da figura de María, nai do último alcalde republicano do concello de Tui, Guillermo Vicente, quen, despois do golpe franquista, estivo catro anos escondido na bodega da casa da súa nai, onde morreu de tuberculose. "María facía moitos quilómetros para mercarlle as medicinas ao fillo ou para vender roscas nas feiras, aguantando as visitas, os interrogatorios e a dor de ver o seu fillo irse pouco a pouco naquelas terríbeis circunstancias", expresaba a autora na entrega do premio. 

A súa representación está aínda "pendente da dispoñibilidade do alumnado da ESAD, que será quen o represente, e despois diso publicaremos un caderno co microrrelato para que a xente o poida ler e desfrutar", sinala a deputada.

Con respecto á banda deseñada da historia da Illa de San Simón, Ortega adianta que "en breves poderemos publicar este traballo no que se implicou tanta xente nova". 

Pór música a localizacións históricas

"O pasado por vir" continúa esta fin de semana cunhas xornadas de traballo con entidades de memoria do territorio, "elementos esenciais deste programa, no que presentaremos un catálogo de actividades que aínda non está fechado e agardamos sumar máis achegas", explica Ortega

Entre as actividades que se realizarán, a deputada destaca a proxección do documental A corda. Esta peza audiovisual nace do proxecto homónimo, dentro do programa "O pasado por vir", "ao principio a idea era pór en valor localizacións chave no territorio sobre a memoria histórica, mais foi crecendo por si só e acabou converténdose nun documental", engade. 

Coa dirección artística da cantante Uxía Senlle, o documental aglutina unha serie de composicións musicais de grupos como Tanxugueiras, Ezetaerre e Su Garrido con base no acontecido en localizacións históricas como "A volta dos nove" en Baiona ou a Illa de San Simón. 

Ademais, presentarase un catálogo de charlas "non só das persoas que participaron no libro, senón daquelas que, por circunstancias do confinamento, non puideron entregar os seus traballos a tempo para a publicación do libro, pero son dignos de coñecer", comenta María Ortega. Tamén se presentará un obradoiro a cargo de Xurxo Souto falando sobre a represalia que existía na música do país e unha performance dos Quinquillans sobre a "situación de represión que vivían as mulleres naqueles momentos", conclúe Ortega.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios