martes 24/11/20
Pontevedra

A Deputación impulsa un programa de Memoria Histórica na procura de “ideas transformadoras”

Co proxecto plurianual O pasado por vir, a institución pontevedresa pretende recuperar e dar vida aos plans que “estaban vixentes antes do Golpe de Estado de 1936”. O valor desas iniciativas xa se debateu nas segundas xornadas de memoria histórica que decorreron hai uns meses.

Un momento da presentación do novo programa de Memoria Histórica. (Foto: Deputación de Pontevedra)
Un momento da presentación do novo programa de Memoria Histórica. (Foto: Deputación de Pontevedra)

A Deputación de Pontevedra continúa co seu traballo a prol da memoria histórica e hoxe anunciou o lanzamento dun programa a desenvolver durante varios anos, O pasado por vir, que terá o fin de “reivindicar as ideas transformadoras que estaban vixentes antes do Golpe de Estado de 1936”.

O departamento de Memoria Histórica desta administración pública pretende dar saída, baixo o paraugas da nova iniciativa, a tarefas de investigación e divulgación dos proxectos que pasaban pola mente das e dos galegos de antes da guerra e da ditadura.

A deputada do BNG María Ortega avanzou que o plan é facer xornadas, propostas audiovisuais, exposicións e publicacións recordando esas ideas de valor “sempre coa perspectiva de país, clase e xénero”.

Nunha rolda de prensa que decorreu esta terza feira, a nacionalista sinalou que hai que “recoñecer a herdanza dunha xeración única e irrepetíbel” tanto na visión empresarial, como nos ámbitos político, social e cultural.

“Coa guerra e a ditadura, aínda que arrasasen cos proxectos e incluso aniquilaran ás persoas, as súas ideas e o seu legado seguen vivos”.

Ortega xa abundara nesta necesidade de lembrar o pasado após as xornadas de memoria histórica organizadas pola Deputación este ano. Agora, o obxectivo será tirar da hemeroteca apenas escrita para analizar as transformacións na Galiza, e na Pontevedra, de 1900 até 1936.

Referentes do pasado

Repasaránse por exemplo, éxitos como a fundación do Laboratorio Miguel Servet, antecedente da farmacéutica Zeltia, ou a campaña a prol do Estatuto, na que se implicaron Castelao, Maside e Díaz Baliño, entre outros.

Tamén se buscara a historia da fundación do Partido Galeguista na Pontevedra de 1931. Aliás, outro eixo a traballar será aquel que dea un papel protagonista ás mulleres, quer “pioneiras, quer de perfil obreiro”.

Entre estas destacan Carme Sierra, primeira das poucas socias que tivo o Seminario de Estudos Galegos, e Olimpia Valencia, a primeira médica galega.

A Deputación impulsa un programa de Memoria Histórica na procura de “ideas...
comentarios