martes 29/09/20

Reflexión e memoria contra a impunidade

O Pazo da Cultura de Pontevedra e a illa de San Simón acollerán os días 11 e 12 de setembro a segunda edición das Xornadas de Memoria Histórica organizadas pola Deputación de Pontevedra baixo título 'Na loita contra a impunidade'. A programación deste ano xirará arredor da Transición, do paso da ditadura á democracia do 78, co obxectivo de analizar os acontecementos que aínda hoxe representan un obstáculo para a reparación da memoria e das vítimas do franquismo. 
A deputada María Ortega acompañou as familias Bóveda, Caamaño e Paz na súa adhesión á querela arxentina en novembro de 2019.
A deputada María Ortega acompañou as familias Bóveda, Caamaño e Paz na súa adhesión á querela arxentina en novembro de 2019.

En novembro de 2019 a Deputación de Pontevedra puxo en marcha as Xornadas de Memoria Histórica 'Na loita conta a impunidade', un ciclo informativo que nace da reivindicación "da memoria e das ideas de país previas ao golpe fascista do 36, que aínda están vixentes e que aínda estamos a tempo de recuperar", destaca en declaracións a Nós Diario María Ortega, deputada de Patrimonio e Memoria Histórica.

As xornadas nacero co obxectivo de reactivar a loita contra a impunidade dos crimes cometidos polo franquismo.

Alentada por ese espírito de conquista, a primeira convocatoria desenvolveuse co obxectivo de reactivar a loita contra a impunidade dos crimes cometidos polo franquismo e de avivar un exercicio de reparación e dignidade da memoria histórica moi pobre desde o ámbito institucional.

"Queriamos facer patente a desidia das institucións do Estado á hora de recuperar a memoria histórica e de acabar coa impunidade que veñen denunciando as vítimas do franquismo de forma reiterada, até o punto de que a reparación deste feito depende case en exclusiva da iniciativa de institucións da xudicatura internacional", sinala Ortega. É o caso da querela arxentina, á que o ano pasado se sumaron as familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz Carbajal co apoio da Deputación de Pontevedra. Foi nun acto público no Pazo provincial, o mesmo lugar onde se xulgou e se condenou a morte por razón de traizón á patria "persoas que, pola contra, só defendían un incipiente autogoberno para Galiza, a democracia e o goberno lexítimo da República", manifestou naquel momento María Ortega.

Discurso crítico

O espírito das primeiras Xornadas de Memoria Histórica mantense. E terá continuidade durante os días 11 e 12 de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra mais na illa de San Simón. Serán dous días dedicados a analizar o paso da ditadura á democracia do 78. "Naquel momento, a transición desenvolveuse un discurso pactado, homoxéneo e acrítico do que estaba sucedendo nas institucións e en todos os organismos implicados neste cambio da forma de Estado", di Ortega, quen defende a necesidade de facer unha análise crítica da Transición, "das eivas e dos erros que se cometeron entón e que a día de hoxe aínda están moi presentes na sociedade. Moitas decisións que se tomaron nese momento seguen afectando ao transcorrer da democracia española e a acontecementos concretos que se debaten na actualidade".

A experiencia dos últimos meses avala esta conexión directa que a deputada nacionalista estabelece entre a fin da ditadura, o inicio da democracia e o momento actual. Primeiro foi a exhumación e o traslado do ditador Franco do Val dos Caídos, un xesto que culminou o proceso aberto en 2007 coa aprobación da Lei de memoria histórica e que na Galiza abriu camiño cara a novas conquistas e vellas demandas como a devolución do Pazo de Meirás. Máis recente, a marcha do rei emérito, unha partida que volve pousar a mirada sobre o papel das grandes institucións do Estado.

"Hai que falar do que pasa para coñecelo, aprender dos erros e avanzar cara a unha democracia madura, xa que agora mesmo non o é", asevera a deputada de Patrimonio e Memoria Histórica.

Espolio e impunidade

A programación das segundas Xornadas de Memoria Histórica afondará no trauma social da Transición, na chegada da democracia á Galiza e na loita que se desenvolve nos tribunais contra o espolio do pazo de Meirás. "Este caso serviranos para analizar en que medida a xudicatura está ou non contaminada por ese discurso pactado que se estendeu tras a fin do franquismo", apunta María Ortega.

A loita contra a impunidade no ámbito xurídico estenderase tamén á experiencia dalgunha das integrantes do equipo de avogacía da querela arxentina, "nun intento por darlle continuidade á primeira edición das xornadas" e tamén a unha das iniciativas que máis traballa pola reparación das vítimas da ditadura franquista.

Reflexión desde o común

Chato Galante, falecido no mes de marzo a causa do coronavirus, foi unha das vítimas máis activas na loita contra a impunidade do franquismo. "Foi castigado por defender a liberdade e a democracia e foi, ademais, un referente para nós á hora de impulsar esta iniciativa que convocamos por segundo ano", recoñece Ortega. Dalgunha maneira foi "ideólogo" das xornadas. "Sóubonos inspirar desde o optimismo e o carácter conciliador co que exercía a súa loita" que é o que buscan trasladar ao público que se sinta interpelado por este convite. "Aspiramos a compartir unha reflexión desde o común non desde o odio", incide a deputada nacionalista.

Relator na primeira edición do ciclo 'Na loita contra a impunidade', Chato Galante será homenaxeado durante a última xornada do encontro arredor da memoria histórica. A canda el todas as vítimas da ditadura que insisten en reclamarlle ao Estado que asuma dunha vez  verdade, xustiza e reparación, "pero tamén políticas públicas de memorias capaces de responder a esa demanda", di Ortega.

Chato Galante sóubonos inspirar desde o optimismo e o carácter conciliador co que exercía a súa loita.

"A política pública de memoria é nula por parte das institucións. Temos unha Lei de memoria histórica que se vendeu con moito bombo pero que non se está cumprindo. As familias son quen asumen a investigación e a recuperación das vítimas cando deberan ser as institucións quen liderasen esta loita. No Estado, e tamén na Galiza, por iso, desde a Deputación de Pontevedra facemos este esforzo. Urxen políticas públicas que dean cobertura ás asociacións de memoria e as releven no traballo de recuperación", co seu apoio, mais non cedendo por enteiro á loita civil a súa obriga.

San Simón

A illa de San Simón será escenario deste debate arredor da importancia de políticas públicas de memoria activas, pero tamén dun percorrido pola memoria das vítimas. "Foi unha illa do terror para centos de persoas que estiveron presas e sufriron, alí, torturas físicas e psicolóxicas, pasaron fame e morreron. Foino para elas e para as súas familias", declara María Ortega, quen reivindica para ese enclave usos que garantan o coñecemento de San Simón como "símbolo da represión, da falta de liberdade e das ansias de loitar polos dereitos das persoas". Asegura que non se trata de convertelo nun mausoleo senón de darlle sentido sen que a súa historia caia no esquecemento.

Unha oportunidade que ben se pode dar a través da cultura, outro dos ámbitos representados de forma destacada na segundas Xornadas de Memoria Histórica. "A xente da cultura tamén foi vítima do discurso pactado durante a transición" e foi reflexo de como cedeu e de como se rebelou ante el.

comentarios