Especial 'Reino da Galiza'

Remata o coleccionábel sobre as raíñas e os reis da Galiza, un fito na prensa do país

Grande acollida da iniciativa que ofrece esta sexta feira a súa última entrega.
Alexandre Peres Vigo coordinou o coleccionábel 'Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu'. (Foto: Arxina)
photo_camera Alexandre Peres Vigo coordinou o coleccionábel 'Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu'. (Foto: Arxina)

O coleccionábel Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu, que acompañou Nós Diario en setembro e outubro, chega hoxe á súa fin. Foron 34 entregas que afondaron no coñecemento de figuras como Hermerico, Requila, Requiario, Ariamiro, Teodomiro, Miro, Andeca e outros até chegar a Afonso V e Xoana de Trastámara, nun percorrido a través de mil anos.

A iniciativa de Sermos Galiza S.A. foi unha das 20 seleccionadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22" e constou dun coleccionábel de 136 páxinas que iniciou a súa andaina o 1 de setembro, unha serie de 34 podcasts e un banco de datos cun foro aberto ao público.

Proposta pioneira

O profesor da Universidade da Coruña e coordinador do coleccionábel, Alexandre Peres Vigo, amosouse “moi satisfeito” co resultado e salientou a Nós Diario que esta iniciativa foi pioneira “ao ser a primeira vez que se fai algo así, relacionado coas nosas raíñas e cos nosos reis, no país e na historia do xornalismo e dos medios de comunicación”. Por iso sinala a importancia de que se fixera “dunha maneira rigorosa, exhaustiva e ao mesmo tempo entendíbel para o público”.

Números do coleccionábel 'Os reis e as raíñas da Galiza'. (Foto: Arxina)
Números do coleccionábel Os reis e as raíñas da Galiza. (Foto: Arxina)

O proxecto tivo moi boa acollida, como puido comprobar o propio historiador. “Recibín os parabéns por parte de persoas especializadas que valoraron o esforzo de divulgación sobre este tema, que non está oculto e do que xa hai bibliografía, mais que non chegara ao público en xeral”, admite.

Peres Vigo recoñece que se deu “un paso máis, importante, para visibilizar ese período histórico que non se aborda nos centros de ensino” e lembrou a súa propia experiencia como profesor de secundaria onde “estes contidos non existen e o alumnado remata sen saber dicir un rei ou unha raíña e mesmo dubidan se a Galiza foi un reino”.

O investigador Héitor Picallo, coautor dos fascículos do coleccionábel, coincide en sinalar que se cumpriron as expectativas. “Tentamos contrastar a información mesmo con fontes directas”, indica a Nós Diario, “e quedou moi ben, por exemplo, a nivel iconográfico”. Picallo considera que hai que continuar afondando noutras fontes, como as europeas, e aproveitar as posibilidades que ten o formato de coleccionábel. 

Continuidade cos roteiros

Para o historiador Xosé Ramón Ermida Meilán, tamén coautor dos fascículos, “cumpriuse o obxectivo de divulgación” polo que este coleccionábel “non é o remate” do labor que vén realizando Nós Diario desde a súa fundación “para dar a coñecer este período chave para a historia do país”. Ermida asegura que, coa idea de darlle continuidade ao proxecto, pensouse na creación de base de datos “tamén con outros traballos que se foron publicando sobre esta materia” e na realización de oito roteiros, vinculados aos monarcas.

“Deixamos esa porta aberta de cara ao vindeiro ano, con itinerarios fixados e definidos os elementos a visitar”. A proposta visitaría Compostela, O Burgo (Culleredo), A Coruña, Betanzos-Pontedeume, Foz-Alfoz-Mondoñedo, Soutomaior-Mondariz-Tui, Monforte-Palas e Celanova-Ourense-Esgos.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios