Un monarca en loita contra Castela

O rei galego Ramiro II “O Grande”

É un dos monarcas máis criticados pola historiografía españolista e máis celebrado nas crónicas europeas e árabes. Criado no círculo familiar dos Guterres en Celanova, actuou o servizo do partido galego, ganándose a estima dos musulmáns, malia derrotalos na batalla de Simancas de 939 e destacou no combate contra os casteláns.


 

ramiro-foto
photo_camera Representación do rei Ramiro II. (Foto: Nós Diario)

Ramiro era fillo dos reis galegos Ordoño II e Elvira Mendes. O primeiro, educado en Zaragoza como parte da política de achegamento da coroa ao mundo musulmán, actuou como un instrumento do partido galego, residindo en Galiza boa parte da súa vida. A segunda, filla de Hermenexildo Guterres, o auténtico líder da nobreza galega no século IX, estaba emparentada coas grandes familias nobiliarias do momento, sendo nai dos reis  Sancho Ordoñez, Afonso IV e Ramiro II.

Ramiro, nado sen ningunha dúbida na Galiza nuclear cara o 898, será educado nas terras entre  Douro e Mondego por Onega, irmá de Afonso o Magno, e polo seu marido Diego Fernández, outro poderoso oligarca ligado á familia dos Guterrres e por conseguinte parente da raíña e membro do núcleo familiar que posuíu a coroa até Vermudo III, morto no 1038 na batalla de Tamarón, e a súa sucesora e irmá, a emperatriz Sancha, nai dos reis García, Afonso VI e Urraca e avoa do grande emperador Afonso VII.

Celanova, centro da familia real

O circulo familiar de Ramiro "O Grande" significa o núcleo central de poder da monarquía hexemónica no espazo cristián peninsular e evidencia a orixe galega de todos os reis e raíñas desde finais do século IX até comezos do século XIII.

Unha viaxe pola rama materna Ramiro, neste caso a dos Guterres, onde San Rosendo xogou o papel de cabezaleiro, certifica que sete mulleres desta familia, remataron como raíñas, Elvira Mendes, Adosinda Guterres, Aragonta González, Goto Nunes, Teresa Ansures, Velasquita Ramires e Elvira Mendes.

Sen ir máis lonxe,  o propio Ramiro II casaría tamén con dúas persoas desta casa, primeiramente coa súa curmán carnal Adosinda Guterres, nai do rei galego Ordoño III e da raíña navarra Teresa Ramirez, e posteriormente con súa parente Ortega Romaes, neta de Milia de Wessex, chegando a afirmar Alonso Ceballos, en relación co fillo de Ramiro, Ordoño III, que Celanova era o centro da casa da familia real.

Ramiro, fillo de Ordoño, rei de Galiza

Ramiro foi elevado ao trono polo partido galego. Os fillos de Ordoño II contaron co apoio das clases dirixentes galegas para facer efectivos os seus dereitos, até o punto de que o seu curmán Afonso Froilaz, foi apartado da coroa, após un ano á fronte da mesma, por unha revolta dos galegos que impuxeron no trono ao primoxénito de Ordoño II, sucedido á morte deste polo seu irmán Afonso.

A súa abdicación motivou a chegada ao trono de Ramiro II, que xa se significara polas súas dotes políticas e militares no período que exercera como gobernador na área do Miño e do Mondego, con sé en Viseo.

Un repaso á documentación contemporánea da área ibérica, árabe ou europea, non deixa dúbidas da súa consideración como galego, sinalando Ibn Hayyan, o máis importante historiador peninsular da Idade Media, nunha crónica onde analiza a chegada ao trono de “Ramiro, fillo de Ordoño, rei de Galiza a quen deus maldiga, o máis querido polo  pai e o máis querido polos galegos.

Un amigo do mundo musulmán

A acción gobernativa de Ramiro mereceu a valoración favorábel dos seus contemporáneos. Nomeado rei en novembro do 931,non tardou en impulsar unha decidida reorganización da administración,nomeando ou criando novas responsabilidades, modernizando as institucións e estabelecendo un consello asesor, que sería o xerme da futura “curia regia”.

Malia que é lembrado maiormente polos seus éxitos militares contra os arabés, na liña tradicional da política galega mantivo unhas relacións fluídas coa área musulmá, moi especialmente cos Banu Quasi, participando na defensa de Zaragoza en diversas ocasións.

Ramiro destacou como un hábil diplomático, tal como se recollen en diversas crónicas, relatando outra vez Ibn Hayyan, as súas negociacións con Abderraman III após a batalla de Simáncas, chegando a afirmar que o monarca cordobés “enviou a Galiza ao secretario xudeu Hasday Ibn. Mandou pois esta persoa a onde Ramiro e chegaron a grandes e bos acordos”.

O inimigo de Castela

O reinado de Ramiro foi sometido a un proceso de crítica implacábel pola historiografía españolista. A revisión negativa do seu goberno está ligada ás relacións  conflitivas que mantivo coa nobreza situada na area castelá e de xeito moi particular con Fernán González, unha das chaves de bóveda da reelaboración mítica do relato español.

Arredor do 944, unha parte dos nobres casteláns fixeron bandeira da candidatura ao trono do seu irmán Afonso, que se atopaba retirado nun mosteiro desde a súa abdicación, sinalándose entres estes Fernán González, elevado segundo algúns autores a propia dignidade condal por Ramiro.

O monarca galego verase obrigado, finalmente, a combater e vencera aos casteláns, chegando a situar ao fronte do propio condado ao seu fillo Sancho, encarcerando a unha parte importante da nobreza rebelde e ao propio Fernán González, que non tardará en  recoñecer a súa autoridade.

Máis en Reino da Galiza
Cléomadès subido ao cabalo voador.
star
Un rei literario galego na obra de Adenet le Roi

SORMÁNS "O ROXO"

Comentarios