Comeza o coleccionábel de ‘Nós Diario’ sobre as raíñas e reis galegos

As raíñas e reis galegos son os protagonistas indiscutíbeis de ‘Nós Diario’ nun setembro que se estrea co inicio do coleccionábel ‘Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu’. Este 1 de setembro tamén se estreou unha nova sección que abeira os contidos do proxecto sobre o Reino da Galiza que pon en marcha Sermos Galiza S.A.

COLECCIONABEL
photo_camera Capa da primeira entrega do coleccionábel (Imaxe: Nós Diario)

Arranca setembro e con el un novo coleccionábel que se publicará de terzas a sextas feiras con Nós Diario e que afondará nas figuras dos reis e raíñas da Galiza. Co título “Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu”, ao longo de 34 entregas achegarase unha parte fundamental da historia da Galiza que aínda permanece silenciada.

Hermerico, o fundador do reino da Gallaecia (409-438), ocupa o primeiro dos fascículos, da autoría do profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo. Os estudosos Xosé Ramón Ermida Meilán e Héitor Picallo son os outros autores que botarán luz sobre os monarcas galegos.

Ao remate do coleccionábel, poderanse reunir as 136 páxinas das diferentes entregas como se dun pequeno libro se tratase.

Un proxecto multidisciplinar

O coleccionábel que este 1 de setembro dá comezo forma parte do proxecto que promove Sermos Galiza S.A. no marco do certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22" da área de Cultura da Deputación da Coruña, que valoriza un período da historia do país que non resulta o suficientemente coñecido.

A iniciativa de Sermos Galiza S.A. busca dar a coñecer as figuras de 40 monarcas do antigo reino galego a través dunha proposta multidisciplinar que permite investigar sobre as dinastías rexias que gobernaron na Galiza entre o ano 409 e finais do século XV a través de catro liñas de accións diferentes: o coleccionábel, un podcast, un banco de datos e oito rutas culturais.

O primeiro podcast, xa dispoñíbel

Os 34 podcast versarán sobre os monarcas galegos e poderán escoitarse a través da versión dixital do xornal e das súas redes sociais así como das plataformas Ivoox e Spotify. O primeiro deles, con voz da xornalista Susana Rois, xa está dispoñíbel.

Tamén está a disposición das lectoras e lectores un banco de datos dixital sobre a temática con información complementaria á publicada nos cadernos e nos podcast.

A cuarta liña de acción consiste na elaboración de oito rutas culturais arredor do Reino da Galiza nos concellos de Compostela, Cambre, A Coruña, Culleredo, Betanzos e Pontedeume.

As oito rutas seleccionadas achegarán información sobre patrimonio histórico a través de diferentes recursos lúdicos, polo que tamén resultan de interese para as crianzas. Nós Diario ten a intención de organizar estas excursións en 2023.

O proxecto, con perspectiva de xénero, pretende achegar a información de forma amena e accesíbel para calquera tipo de público.

Máis en Reino da Galiza
Cléomadès subido ao cabalo voador.
star
Un rei literario galego na obra de Adenet le Roi

SORMÁNS "O ROXO"

Comentarios