Fernando 'O Fermoso' de Portugal foi proclamado como rei da Galiza en xuño de 1369

Fernando “O Fermoso”, rei de Portugal e da Galiza

O mes de xuño de 1369, nada máis morrer Pedro I, Fernando ponse en marcha cara a Galiza para ser proclamado rei. A súa coroación é resultado dun acordo entre a casa real portuguesa e a nobreza galega, que apostaba por unha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal e ligada aos pobos atlánticos.

Ferdinand_I_of_Portugal_-_Chronique_d'_Angleterre_(Volume_III)_(late_15th_C),_f.201v_-_BL_Royal_MS_14_E_IV_(cropped)
photo_camera Fernando 'O Fermoso', subido ao cabalo, nun gravado recollido na "Chronique d' Angleterre" de finais do século XV. (Foto Biblioteca Británica)

A morte de Pedro I levou o partido galego a apostar por Fernando I de Portugal como candidato ao trono. O asasinato de Pedro I en Montiel en 1369 deixou Galiza sen un monarca que representase os seus intereses, como certificou a continuidade da revolución galega.

Segundo sinala Francisco Rodríguez, no seu último libro, Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I. A relevancia do reino medieval galego, “se para Europa os anos revolucionarios hai que situalos entre 1371 e 1381, na Galiza o período convulsivo foi maior (entre 1366 e 1475), pasando dunha clara fase de alianza nacional-popular, cuxos ecos chegan a 1386, a outra máis confusa, atomizada e dunha conflitividade social interna”.

Unha revolución nacional-popular

A revolución galega do século XIV exemplificou a aposta das clases dirixentes do país por seguir desenvolvendo as potencialidades do mesmo fronte ao hexemonismo castelán que tentaba anulalas. Non foi a defensa da lexitimidade de Pedro I contra o seu irmán Henrique o elemento central que dinamizou a protesta a partir de 1366 senón o convencemento de que o primeiro representaba os intereses galegos.

A propia continuidade da rebelión galega durante practicamente vinte anos após a morte do monarca é unha proba definitiva sobre as motivacións reais dun movemento que respondeu á vontade de tronzar a dependencia fronte a unha Castela hexemónica na área peninsular que aspiraba a reforzar o seu dominio mediante a conquista doutros reinos.

Un liberador para Galiza

Fernando foi recibido na Galiza como un autentico liberador. A iso contribuíu, a súa lealdade ás orientacións do núcleo galego da súa corte, dirixido por Nuno Freire de Andrade, mestre da poderosa Orde de Cristo e Alvar Pérez de Castro, irmá da raíña Inés e de Fernán, pero sobre todo ao contar co apoio do mesmo grupo social que militaba no partido dos Castro e dos rebeldes galegos exiliados en Portugal.

O monarca portugués só se mantivo na Galiza até finais dese 1369, ao non poder enfrontar a ofensiva de Henrique II, dada a súa inferioridade militar para combater o seu exercito multinacional, onde se significaron as Compañías Brancas, que formaban ao carón do Trastamara.

Un rei chave para Portugal

Fernando I de Portugal e IV da Galiza, popularmente coñecido como 'O Fermoso', foi fillo do rei portugués Pedro I e último monarca da Casa de Borgoña. Nado en Coimbra á volta de 1345 e morto en Lisboa en 1383, o seu Goberno estivo marcado polo contexto da Guerra de 100 anos, o cisma relixioso entre Roma e Aviñón e a debilidade política de Portugal, asediada por unha poderosa Castela aliada a Francia.

Relacións con Inglaterra

Os seus fracasos militares contrastaron coa súa destacada xestión no plano institucional e económica, sentando as bases coa axuda dos aliados galegos para as relacións coas Illas Británicas e potenciando de xeito decidido a actividade comercial.

A orixe da importante mariña lusa atópase no seu reinado, apostando polo seu desenvolvemento como eixo das actividades mercantís. Fundador da famosa Companhia de Naus, a súa morte abriu un proceso de gran conflitividade interna en Portugal, porén o seu sucesor e medio irmán Joao de Avís, non alterou os aspectos esencias da súa política externa e interna.

Un monarca galego até o final

O fracaso militar da tentativa de Fernando situou a loita entre galegos e casteláns nunha nova fase. Á volta de 1372, cunha parte moi importante do territorio galego fóra do control castelán, a oligarquía galega e a familia real inglesa fecharon un acordo para promover ao trono galego o fillo do monarca inglés Eduardo III, Xoán de Gante, Duque de Lancaster. Este novo pretendente, contou con todo apoio do 'Fermoso', que exerceu até o final como un auténtico rei galego.

Fernando I de Portugal e VI da Galiza mantívose fiel aos seus compromisos galegos. Neste sentido, acolleu na súa corte a máis de 500 exiliados que abandonaron Galiza como consecuencia da súa loita contra Castela entre marzo e setembro de 1369, após a morte de Pedro I e o cativerio de Fernán Ruis de Castro, en marzo de 1373, tras a derrota de Porto de Bois (Palas de Rei) e o fracaso do propio Fernando.

Fernán Ruis de Castro

Fernán Ruis de Castro, en palabras do historiador galego Francisco Rodríguez, foi “cabeza da alternativa nacional-popular galega, que apostaba pola unidade de Portugal, en coherencia cunha tradición xa secular, e manter así a hexemonía sobre Castela en calquera proceso de unidade”.

Máis en Reino da Galiza
Cléomadès subido ao cabalo voador.
star
Un rei literario galego na obra de Adenet le Roi

SORMÁNS "O ROXO"

Comentarios