A Pobra do Brollón homenaxeou o seu alcalde republicano

O Concello inaugurou unha placa e realizou un acto no que participaron o arqueólogo Xurxo Ayán e a poeta e ensaísta Olga Novo.

Inauguración da placa en homenaxe a Antonio Reboiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Inauguración da placa en homenaxe a Antonio Reboiro (Foto: Nós Diario).

A Pobra do Brollón quixo homenaxear este sábado a figura de Antonio Reboiro, alcalde republicano do municipio, asasinado no ano 1938.

O Concello organizou un acto no que participaron o arqueólogo Xurxo Ayán e a poeta e ensaísta Olga Novo, ademais de inaugurar unha placa na biblioteca municipal.

A iniciativa aprobouse o pasado mes de novembro de 2022 nunha sesión plenaria que, ademais, retirou o título honorífico ao militar golpista e ditador durante máis de 40 anos, Francisco Franco.

Por “saúde democrática”

"Estas accións son un exercicio obrigatorio de saúde democrática que ademais van na liña da Lei da memoria histórica", defendía nese pleno o alcalde da Pobra do Brollón, o nacionalista Xosé Lois Maceda.

Desta maneira, Reboiro, detido meses despois da sublevación e executado en 1938 após ser condenado á morte nun consello de guerra, dará nome á biblioteca da vila, da que foi o seu primeiro impulsor.

Antonio Reboiro Rodríguez foi membro do Partido Agrario Radical Galego e, após varios anos como edil, era alcalde en funcións da Pobra desde febreiro de 1936.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios