Franco deixa de ser 'alcalde honorario perpetuo' da Pobra do Brollón

O Goberno local retira a distinción, da que tivo coñecemento recentemente, ao ditador fascista.
O ditador Francisco Franco, acompañado da súa muller, Carmen Polo, en Donostia. (Foto: Fondo Car-Kutxa Fototeka)
photo_camera O ditador Francisco Franco, acompañado da súa muller, Carmen Polo, en Donostia. (Foto: Fondo Car-Kutxa Fototeka)

O municipio da Pobra do Brollón retirará esta sexta feira o título de 'alcalde honorario perpetuo' ao ditador Francisco Franco, en aplicación da lexislación vixente en materia de memoria histórica.

Así, o concello da comarca de Lemos convocou para este 18 de novembro unha sesión plenaria extraordinaria na que, alén de retirar o título honorífico ao militar golpista e ditador durante máis de 40 anos, renderá tributo a Antonio Reboiro, rexedor da Pobra executado en 1938 polas tropas fascistas.

Segundo explica o Goberno local nun comunicado, a acta de concesión a Franco do título de 'alcalde honorario perpetuo' no ano 1967 foi localizada recentemente, e non consta que se concedese por algún motivo en concreto relacionado coa vila, senón que se trataba dunha "medida imposta" polo franquismo moi común en infinidade de concellos.

"Estas accións son un exercicio obrigatorio de saúde democrática que ademais van na liña da Lei da memoria histórica", defendeu o alcalde da Pobra do Brollón, o nacionalista Xosé Lois Maceda.

A sesión desta sexta feira tamén servirá para homenaxear a traxectoria de Antonio Reboiro Rodríguez, membro do Partido Agrario Radical Galego e que, após varios anos como edil, foi alcalde en funcións da Pobra desde febreiro de 1936.

A intención do Goberno municipal é que Reboiro, detido meses despois da sublevación e executado en 1938 após ser condenado á morte nun consello de guerra, dea nome á biblioteca da vila, da que foi o seu primeiro impulsor.

Comentarios