A Pobra do Brollón busca recuperar a tradición do brindo

Sara Marchena e Alba María dirixen os obradoiros.
Sara Marchena e Alba María.
photo_camera Sara Marchena e Alba María. (Foto: Concello da Pobra)

O brindo é un xénero de improvisación oral cantada, propio da Pobra do Brollón (comarca de Terra de Lemos), así como doutras zonas das comarcas dos Ancares, Quiroga e Valdeorras, e mesmo do Bierzo. O Concello da Pobra comeza esta sexa feira, 27 de xaneiro, unha serie de obradoiros para aprender a arte do brindo. Serán a cargo de Sara Marchena e Alba María, dúas das máximas representantes da improvisación oral na Galiza na actualidade.

Cada mes, haberá na Pobra do Brollón un obradoiro nun bar diferente do municipio. Están orientados a todos os públicos e todas as idades, con ou sen experiencia na improvisación. Desta maneira, o ciclo comeza esta sexta feira no Bar Pirata, coa participación a maiores de dúas convidadas, Nuria Pena e Lorena Medela, pertencentes á nova xeración de regueifeiras.

A mesma sexta feira pola tarde, Marchena e María impartirán un obradoiro no CEIP da Pobra do Brollón. Ademais, desde a organización do evento sinalan que as crianzas tamén poderán asistir ao obradoiro aberto do Bar Pirata.

"Estes obradoiros forman parte dun conxunto de actividades que desenvolveremos ao longo do ano arredor do brindo e da improvisación oral", sinala o técnico de cultura da Pobra do Brollón, Xosé Gago. "Queremos  facer comunidade recuperando e traendo á actualidade este patrimonio inmaterial", engade o técnico.

Aínda que tradicionalmente o seu uso estaba asociado ás vodas, os obradoiros buscarán ampliar o seu ámbito de aplicación, respectando a estrutura.

Comentarios