A nova Lei de memoria democrática, a debate en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra organiza unhas xornadas sobre o novo texto legal que regula a cuestión da memoria histórica no Estado español.
Labores de exhumación nunha foxa común do franquismo. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
photo_camera Labores de exhumación nunha foxa común do franquismo. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

A área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra organizará o vindeiro 28 de outubro unhas xornadas para debater se a nova Lei de memoria democrática garante o acceso das vítimas do franquismo á xustiza.

No evento, que terá lugar no edificio administrativo da Deputación, participarán a deputada de Memoria Histórica da institución provincial, María Ortega; o avogado Jacinto Lara Bonilla e a letrada Paloma García Varela, integrantes do equipo xurídico que se está a ocupar da querela arxentina presentada contra o réxime ditatorial.

O faladoiro tamén contará coa presenza de varias vítimas do franquismo que acudiron no seu momento á xustiza estatal e europea. É o caso de Miguel Ángel Gómez Álvarez, veciño de Vigo que presentou por vía penal unha demanda por delito de torturas e delitos de lesa humanidade que foi admitida a trámite pola xustiza, por primeira vez na historia da democracia do 78. Porén, a titular do xulgado incorporouse aos tres meses e arquivouna.

Gómez Álvarez presentou senllos recursos ante a Audencia de Madrid e o Tribunal Constitucional, ambos os dous desestimados. Agora mesmo, a súa demanda atópase no Comité de Dereitos Humanos na ONU, á espera da resposta do alto tribunal internacional.

Debate sobre a lei

A nova Lei de memoria democrática declara, entre outras cuestións, “a ilegalidade dos tribunais franquistas de excepción e a nulidade da súas sentenzas”, o que, segundo o texto, dá dereito “a obter unha declaración de recoñecemento e reparación persoal”.

Ademais, recolle “o dereito á investigación das violacións de dereitos humanos da guerra da ditadura ata a promulgación da Constitución de 1978”. Por último, impulsa a creación dunha fiscalía da sala de Dereitos Humanos e Memoria Democrática na Fiscalía General do Estado como “instrumento da investigación”.

Porén, segundo explican desde CeAqua, coordinadora que agrupa as vítimas que acudiron á xustiza arxentina, “non resolve os problemas que se nos presentan nos tribunais estatais cada vez que unha vítima do franquismo lles pide amparo”.

O principal obstáculo, din, “é a Lei de amnistía, e a nova norma non aborda a súa derrogación nin modificación. Tampouco se avanza na necesaria e obrigada aplicación do ordenamento internacional nos casos concernentes a crimes franquistas”. Rexeitan ademais o período temporal que aborda a lei, considerando que tiña que chegar até a década dos oitenta.

O colectivo considera “imprescindíbel” que as vítimas aínda vivas ou as familias das que morreron sen reparación continúen petando na porta da xustiza, “única garantía real de reparación”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios