Familiares de persoas represaliadas polo franquismo levan ao escenario do Canteira Fest unha perfomance sobre a necesidade da memoria

Unha performance que mestura teatro e música a cargo de ‘Os Quinquilláns’ e coa participación tamén de integrantes dos colectivos de memoria histórica ‘A Regaduxa’, ‘Mocidade Galega pola Memoria’.

 

CANTEIRA FEST PERFORMANCE 1
photo_camera Un momento da representación (Foto: Deputación de Pontevedra)

O Canteira Fest de Vilaboa é moito máis que un simple festival musical. Certo que o cartaz deste ano sacaba o hipo (Tanxugueiras, Huntza, Grande Amore, Flow do Toxo, High Pow...) e chegou con forza para facer compensar a súa ausencia durante a pandemia.

Mais esta cita, que voltou reunir un considerábel público, sabe como facer para aunar música, artesanía, coloquios, actividades infantís e moita memoria histórica,

A memoria histórica estivo moi presente da man da Deputación de Pontevedra, que levou ao Canteira Fest unha performance que mesturou teatro e música. A cargo da compañía dos Quinquilláns, a iniciativa tiña como finalidade divulgar entre as persoas asistentes episodios de represión vividos durante o franquismo. 

A performance desenvolveuse no escenario principal do Festival, no horario máis potente das actuacións dos grupos musicais

Un acto no que ao escenario subiron ademais dos integrantes da compañía, membros dos colectivos de memoria histórica ‘A Regaduxa’ e ‘Mocidade Galega pola Memoria’, da organización do propio Canteira Fest, e tamén familiares de persoas represaliadas. A performance desenvolveuse no escenario principal do Festival, no horario máis potente das actuacións dos grupos musicais, Tanxugueiras, durante un dos descansos entre estas, tendo unha duración duns quince minutos.

Segundo manifestara a deputada de Memoria María Ortega, a inclusión de persoas relacionadas directamente coa memoria na representación beneficiará a transmisión dos valores de “verdade, xustiza, reparación e non repetición” que defende o departamento provincial.

Mais non foi esta a única presenza da memoria neste festival, que contou cun espazo propio. Un taller de regueifa sobre memoria histórica a cargo do Rabelo, unha contada das misións pedagóxicas a cargo de Polo Correo do Vento ou un mural de Cestola na Cachola sobre memoria nunha das paredes do edificio da canteira, foron outras das propostas desta fin de semana.

Comentarios