Homenaxe ás vítimas do fascismo nas Terras de Entrimo

As vítimas do franquismo nas Terras de Entrimo serán homenaxeadas mañá polo Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia, que presentará un monólito na súa memoria.
Colocación do monolito en homenaxe ás vítimas do fascismo. (Foto: Comité pola Memória Histórica do Val do Límia)
photo_camera Colocación do monolito en homenaxe ás vítimas do fascismo. (Foto: Comité pola Memória Histórica do Val do Límia)

O Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia organiza mañá á partir das 18 horas no torreiro da capela da Sobreira en Ferreiros, concello de Entrimo, unha homenaxe ás vítimas do fascismo nas Terras de Entrimo.

Ademais da intervención de familiares das vítimas, decorrerá un recital poético de Olga Novo, acompañado das actuacións de Xosé Constenla, Roberto Sobrado e Leo de Matamá, que conforman Os Tres Pés.

Tamén participará Ramón Alonso, alcalde de Entrimo polo Partido dos Socialistas de Galicia, a asociación veciñal de Ferreiros e máis Carlos Morais, en representación da entidade organizadora.

Ao final do acto será presentado un monólito feito polo mestre canteiro Diego Currás “O Rixón”, instalado no lugar como homenaxe permanente ás vítimas do fascismo nas Terras de Entrimo, e xusto antes do canto da Internacional, que porá o punto e final do evento.

Veciños asasinados

Baixo o lema “o val do Limia non esquece”, son 14 os veciños e persoas asasinadas no lugar identificadas polo comité as que recibirán a homenaxe, a meirande parte mortos polos disparos dos franquistas.

Un deles, Abilio Álvarez Bernardo, veciño de Entrimo falecido con 24 anos, conseguiu sobrevivir a Guerra Civil e combateu o nazismo en Europa, antes de ser executado no campo de concentración de Mauthausen (Austria) en 1942.

Comentarios