Nebra, a revolta veciñal que mantén a vixencia 107 anos despois: "Foi unha lección de amor propio"

A Ponte de Cans, na parroquia de Nebra (Porto do Son), acudiron veciñas e veciños da comarca de Noia con motivo do acto convocado polo BNG para lembrar as mártires de Nebra, a revolta de labregas e labregos que hai 107 anos se rebelaron contra un tributo á actividade agraria que consideraban inxusto.
FOTO HOMENAXE MÁRTIRES NEBRA 2
photo_camera O BNG lembrou en Ponte de Cans a revolta veciñalde 1916. (Foto: Nós Diario)

O mesmo espírito que levou hai 107 anos a 300 veciños a rebelarse en Nebra contra contra o cobro dun imposto inxusto e abusivo, no día en que se ían embargar bens á veciñanza; vive hoxe nas mobilizacións e protestas como as que hai "en defensa da sanidade, contra o espolio dos nosos recursos". Así o expresou esta quinta feira a deputada do BNG Mercedes Queixas no acto  público que a formación nacionalista realizou na Ponte de Cans no 107 aniversario do asasinato a tiros polos gardas de Francisca Carou, Antonio Sobrado, Generosa Vidal, Ramona Suárez e Rosa Maneiro

Unha revolta que "foi un exemplo de dignidade e de mobilización de quen non aceptou a submisión ante o abuso do poder”, en palabras de Queixas. Para o BNG, na revolta dos 'Mártires de Nebra' aniñou "a mesma rebeldía que hoxe inspira as loitas por unha Galiza máis xusta".

É a revolta “das persoas que se autoafirmaron na defensa da terra, que pelexan pola xustiza social”, recalcou a deputada nacionalista nun acto no que tamén participaron Santiago Suárez, historiador dos feitos, e Balbino González, portavoz municipal do BNG.

Co este acto, a organización nacionalista quixo "volve homenaxear a xente do común",  protagonistas dunha revolta que foi e aínda é "unha lección de amor propio, de defensa da igualdade, de orgullo por unha actitude ética ante a desigualdade". Aínda hoxe, recalcou a parlamentaria, Galiza segue soportando "a discriminación derivada do centralismo".

"Non calamos"

E fronte a iso, "igual que as protagonistas daquela revolta", proseguiu, hoxe hai unha cidadanía galega "viva, activa e rebelde que non cala". “Non calamos na loita pola recuperación do Pazo de Meirás e de todo o espolio franquista; ante a indecencia de converter o coidado das maiores nun negocio", concluíu.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios