Como cada ano, o BNG da Coruña homenaxeou Moncho Valcarce, o coñecido como o ‘Crego das Encrobas’, polo seu “compromiso coa Galiza como nación e coas clases traballadoras galegas”.
O acto tivo lugar no cemiterio de Santo Amaro, no barrio coruñés de Monte Alto. Alí, as persoas presentes renderon homenaxe a unha figura “referente” para o nacionalismo galego.
“O seu legado a prol da emancipación nacional e social está máis vixente do que nunca”, sinalaron desde o BNG da cidade herculina.
Entre as persoas que participaron no acto encontrábanse a deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas que se dirixiu aos asistentes para manifestar que “seguiremos construíndo o futuro cos ideais que tanto defendeu Moncho”.
Tamén participou no acto Xácome Santos, presidente da Irmandade Moncho Valcarce que resumiu nunha frase a concepción da igrexa que Valcarce tiña: “O amor de Xesús aos poderosos é denuncialos para ver se abren os ollos”.

“Como cura, era un home de profundas crenzas relixiosas, mais dunha Igrexa firmemente arraigada no país, na súa cultura e na súa lingua”, aseveraron desde a formación nacionalista.
O acto deste sábado marca 30 anos desde o falecemento do histórico nacionalista.