O "colapso" sanitario, a debate no primeiro pleno do ano

A situación da sanidade pública, que a oposición vén cualificando como "crítica", centrará o primeiro pleno do Parlamento galego de 2023. A este respecto, o BNG solicitou esta terza feira a comparecencia de Alfonso Rueda na Cámara para dar conta das eivas do sistema sanitario. Con todo, non será o mandatario senón o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen finalmente compareza a vindeira semana.
A Xunta de Portavoces do Parlamento galego abordou onte os temas a debater na Cámara (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera A Xunta de Portavoces do Parlamento galego abordou onte os temas a debater na Cámara (Foto: Parlamento da Galiza).

"Comparecencia a petición propia", así anunciou o Goberno galego que será o titular da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña, quen intervirá no Parlamento da Galiza no primeiro pleno de 2023, que decorrerá os vindeiros días 24 e 25 de febreiro.

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, solicitou esta terza feira na Xunta de Portavoces do Parlamento galego -que abordou os temas a tratar no pleno- a inclusión da comparecencia do presidente da Xunta da Galiza para abordar a situación da sanidade pública  e as medidas que vai adoptar o Goberno galego para garantir a atención sanitaria.

A petición do BNG foi rexeitada polos populares. "Cremos que dada esta situación de colapso da Atención Primaria, con baixas que non se cobren ou con millares de persoas que están sen médico de cabeceira, o mínimo sería que o máximo responsábel do Goberno dese a cara e comparecese diante do Parlamento", censurou Rodil.

Con todo, avanzou que o BNG aproveitará a comparecencia do conselleiro de Sanidade para "sinalar os problemas que hai", pero "sobre todo, para achegar solucións".
Pola súa parte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, reprochou que "debese ser o propio presidente o que solicitase a súa comparecencia", aínda que, continuou, os socialistas utilizarán a exposición de Comesaña como "unha oportunidade para evidenciar unha situación que admite unha amplísima marxe de mellora".

Ademais, relacionado co ámbito sanitario, os socialistas galegos exporán unha pregunta oral sobre a "renuncia do Goberno galego a convocar máis de 100 prazas MIR (Médico Interno Residente) nesta convocatoria do ano 2023". "Imos ir desmontando as mentiras sistemáticas do Goberno galego", expresou.

Mobilización do 12 de febreiro

esta terza, o líder do PSdeG, Valentín González Formoso, reuniuse co portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, para abordar a mobilización que terá lugar o vindeiro 12 de febreiro en Compostela. Nunha rolda de prensa posterior á reunión, Formoso fixo un chamamento á sociedade galega para que participe nesa mobilización de SOS Sanidade ante "o ataque" que, dixo, sofre o Sergas pola xestión do PP.

A portavoz nacional do BNG tamén se reunirá con SOS Sanidade Pública o 23 de xaneiro e fará o propio hoxe Borja San Ramón, coordinador de Podemos na Galiza.

Médicas na pública e na privada

Segundo se coñeceu esta etrza feira, Sanidade ten "bastante avanzado" o borrador da instrución para permitir que os médicos da sanidade pública poidan traballar tamén en centros privados con actividade concertada. "Está a piques de ser fechado", dixo Comesaña preguntado sobre o tema.

Comentarios