xoves 24/09/20

Máximo, emperador galego no século IV

O emperador romano foi o responsábel directo da execución de Prisciliano en Treveris.
Treveris, cidade onde Máximo instalou a capital do Imperio.
Treveris, cidade onde Máximo instalou a capital do Imperio.

Foi un dos grandes vultos daquela xeración de xigantes que impulsaron o noso espertar cultural nos solpores da Idade Antiga. Primeiro, Prisciliano, á cabeza dun gran movemento popular que apostou por un cristianismo desligado do poder, axeitado á realidade do país, comprometido cos sectores máis desfavorecidos, significado coa causa das mulleres e que morreu decapitado en Treveris no ano 385. Despois Exeria, a galega viaxeira a percorrer o mundo de occidente até oriente, a visitar Exipto, Xerico, Xerusalén para deixarnos testemuños das mesmas nunhas cartas ás irmás que a agardaron na Galiza . 

A canda eles, Orosio, o historiador, xeógrafo e pensador, autor dunha produción cultural central cuxa influencia chegou aos nosos días. Ao seu carón, Idacio, o galego da Limia e bispo de Chaves, martelo de priscilianistas, inimigo dos suevos asentados na Galiza e escritor da máis importante historia da península dos tempos iniciais da Idade Media. E, por suposto, os Avitos, aqueles monxes viaxeiros de Braga e Baquiario, o pensador exiliado, a viaxar Occidente, África e Oriente para erguer o monacato.

Tamén, os grandes estadistas que ocuparon as máis altas responsabilidades políticas en Roma. Dámaso, papa e cabeza da igrexa entre 366 e 384, autor dunha inxente produción doutrinal destinada a xustificar o proxecto político de centralizar o poder no papado, promotor da tradución do grego ao latín da lista de libros do antigo e novo testamento que conformaron o Canon Bíblico, coñecida popularmente como a Vulgata e   considerado por moitos autores como o auténtico creador da institución do papado.

Teodosio, o outro emperador curmán de Máximo

Teodosio, natural dunha das varias Cauca galegas, membro da poderosa estirpe dos Flavio, último emperador en rexer os destinos de todo o imperio desde o oriente a occidente até rematar por declarar o cristianismo como relixión oficial dos seus Gobernos, como base ideolóxica dun réxime político xa en evidente crise e con mostras claras de descomposición. A este respecto, unha parte da historiografía liga precisamente o importante desenvolvemento da Galiza nas centurias finais da Idade Antiga e a aparición de todas estas figuras, coas dificultades no centro imperial.

Magno Clemente Máximo, para a historia simplemente Máximo, foi o outro emperador galego do século IV. Fillo de Flavio Xullo Eucherio, naceu por volta de 355 nalgún lugar da Gallaecia, participando desde moi novo en diversas campañas militares nas Illas Británicas, derrotando os pictos a finais de 382 na famosa batalla do muro de Adriano e sendo nomeado emperador polas súas propias tropas. A continuación, desembarcou na Armórica para enfrontarse en diversos puntos do actual territorio francés ao emperador Graciano a quen rematou derrotando, sendo nomeado en 384 emperador da Britania, da Galia e da Hispania.

Máximo exerceu de emperador até 388 estando suxeita a valoración do seu reinado á visión ofrecida após a súa morte polos cronistas próximos ao seu inimigo e curmán Teodosio. Porén, a súa memoria ficou moi presente na área das Illas Británicas, significándose as novas sobre el recollidas na Historia dos reis de Britania elaborada por  Godofredo de Monmouth arredor de 1135, onde foi presentado como rei de Britania, casado con Helena de Caernarfon, filla do poderoso aristócrata galés Segontium. 

Máximo heroe nacional galés

A crónica de Godofredo de Monmouth foi a base de toda a tradición artúrica, aparecendo nela Arturo como descendente e herdeiro directo do emperador Máximo e Helena. Outro tanto aconteceu coa Historia Brittonum do século XIV, onde a figura do emperador Máximo presentárona como un dos fundadores da historia galesa, situándoo como un heroe nacional desde país, até o punto de que diversos reis medievais afirmaron ser os seus descendentes. 

A responsabilidade de Máximo foi decisiva na morte de Prisciliano. O emperador situouse do lado doutro galego, neste caso do papa Dámaso cuxas concepcións teolóxicas e políticas apostaban por unha igrexa ligada ao poder e co cristianismo como ideoloxía oficial da nova orde teocrática. Arredor de 385 Prisciliano abandonou o concilio de Bordeos para dirixirse a Treveris a reunirse co Máximo, porén o emperador apostou pola ortodoxia de Roma.

Prisciliano foi decapitado a canda varios dos seus colaboradores e colaboradoras, após ser obrigado a declarar baixo torturas, unha vez que Evodio, prefecto do emperador lle imputou diversos delitos, nuns feitos que marcaron o reinado de Máximo e abriron o camiño para o futuro das relacións entre a igrexa e o Estado.

Un conflito entre galegos

Un dos fitos máis centrais do século IV europeo ben pode ser considerado unha loita entre galegos. Prisciliano, o rebelde comprometido cunha igrexa desligada do poder político, Dámaso, o ortodoxo entregado a construción dunha orde teocrática e Máximo, un estadista en busca dunha base ideolóxica para o seu Goberno.

comentarios