'As guerrillas galegas ao descuberto'

Blanca e Julian Campos, investigadores: “A memoria colectiva de Langullo conserva a lembranza sensíbel de Daniel Calvo”

Blanca e Julian Campos García son fillos de Rosario García Rodríguez, da casa do “Sarxento” de Langullo en Manzaneda, que puido exiliarse a Francia desde Barcelona. Ao tempo, son sobriños de Manuel García Rodríguez, resistente antifascista agarrotado en Ourense en 1959. A terza feira en Nós Diario recuperan a Daniel Calvo, outro dos guerrilleiros de Langullo.
photo_camera Blanca Julian Campos García

Afirman na súa investigación que o golpe militar de 1936 “non aconteceu nun territorio socialmente virxe”, cal foi a dinámica social en Manzaneda no período republicano?

O que se di hoxe verbo dos “espazos baleiros” sumado ao vello tópico da conflitividade laboral concentrada tan só en empresas masificadas, oculta en certo modo a permanencia das loitas sociais nas zonas rurais, que acadaron cotas nunca vistas durante a República. Así, na zona de Manzaneda -e xa é moito nun espazo tan reducido – producíronse folgas dabondo importantes para provocar, cando menos en 1932 e 1935, a intervención da forza pública coas súas detencións asociadas. Ademais, o movemento insurreccional de 1934, si se centrou de xeito espectacular en Asturias e Cataluña, tamén tivo ecos importantes na Galiza, como en San Clodio de Ribas de Sil, a uns 20 quilómetros de Manzaneda. Logo das eleccións de febreiro de 1936, a iniciativa revolucionaria dos labregos cenetistas de Bendilló (Quiroga) de crear unha colectividade de produción de aceite, tivo un eco directo en Langullo. A  subscrición aberta para comprar un tractor, atribuírona aos fuxidos e concretamente a Manuel García Rodríguez “Sarxento”.

"A  iniciativa revolucionaria dos labregos cenetistas de Bendilló (Quiroga) de crear unha colectividade de produción de aceite, tivo un eco directo en Langullo"

Achéganse no seu traballo a figura de Daniel Calvo, pero quen foi realmente ese fuxido durante tres anos nos montes de Manzaneda?

De Daniel Calvo, pouco máis sabemos do que dicimos no noso traballo. Porén, a cabeceira dun artigo publicado o 16 de febreiro de 1956 en Solidaridad Obrera de París, dí asi: “O resistente Daniel Calvo Domínguez era un compañeiro  noso dos máis probados. Tiña conviccións anarquistas e foi na rexión galega un dos elementos máis dispostos para o sacrificio en prol do ideal que nos une a todos.” A afirmación é contundente. Quen facilitou este dato á distante redacción de Solidaridad Obrera?. Non o sabemos, aínda que nos ven á mente a imaxe do veterano anarquista ourensán José Ledo Limia, íntimo coñecedor do movemento libertario galego, que se relacionaba, desde onde fora, co núcleo editor da Soli parisina. No tocante á traxectoria de Daniel Calvo despois do golpe militar, tal e como está relatada, se acaso resulta esaxerada por confundirse coa do seu amigo e militante confederal Manuel García Rodríguez.

Dous nomes que pairan na súa investigación son os de Mario Rodríguez Losada “O Pinche” e o Manuel García Rodríguez “ O Sarxento”, que destacaría deles?

De Mario Rodríguez Losada “O Pinche”, o que lembramos é o seu reencontro, corenta anos despois, en Langullo, con Rosario García Rodríguez,  a nosa nai e irmá de Manuel. Ambos regresaban do exilio, corto para Mario, longuísimo para Rosario. Cando Rosario lle propuxo tomar café, Mario contestou: “Non. Iremos ao bar, para que nos vexan xuntos.”

A Manuel García Rodríguez, o noso tío, non o coñecemos. Cando fomos por primeira vez ao pobo, xa o agarrotaran. Del lembramos a foto que lle tirou a Garda Civil no patio da cadea de Ourense pouco antes da súa execución, un trato de favor, se acaso e tamén o seu tremendo silencio diante das indagacións do Tribunal Militar.

A longa estadía clandestina dalgúns destes guerrilleiros só foi posíbel pola existencia dunha amplo corpo de enlaces, que nos poden dicir sobre esta a rede de apoios?

Está claro que manterse clandestino tanto tempo, cando menos de cara ás autoridades, esixe moitos apoios. Neste sentido, a Daniel Calvo se lle pode considerar como resistente de primeira fila, aínda que non se “botara ao monte” con armas. Toda unha serie de persoas do pobo – destacando entre elas moitas mulleres – apoiaron en maior ou menor grado aos “fuxidos” ou “guerrilleiros”, como se lles queira nomear, compartindo con eles as súas vivencias, os seus logros e as súas desgrazas. Posibelmente uns actuarían por proximidade “ideolóxica”, e outros por simple solidariedade veciñal: o caso é que a metade da xente do lugar dáballes apoio, e non é ningunha estatística!. Canto aos demais, cabe pensar que lles tiñan medo.

“Toda unha serie de persoas do pobo – destacando entre elas moitas mulleres – apoiaron en maior ou menor grado aos “fuxidos” ou “guerrilleiros” compartindo con eles as súas vivencias, os seus logros e as súas desgrazas”

Sinalan no seu artigo, que “a asunción de heroes encadrados en esquemas ideolóxicos escurece ás veces o complexo e entrañábel do corpo social”, a que se refiren con iso?

A condición de heroe é unha construción e, por certo, hainos en todos os bandos. Cada cal ten os seus. Por iso serven tanto para a propaganda inmediata. Cando os consagra a historia, aplicarlles os criterios sociais ou políticos de hoxe – para ben ou para mal – redunda nun xeito de instrumentalización. Decote nos pareceron sospeitosas certas consideracións unívocas e construcións cuadriculadas – sexan estas políticas ou universitarias –, da mesma maneira que a sedimentación dun momento histórico en unha ou varias persoas, serve ás veces para eludir os matices e as contradicións que se observan no corpo social. Que nas guerrillas antifranquistas houbo heroes, quen o dubida?. Pero creemos que os seus rechamantes protagonismos non teñen que borrar para sempre a entrega de persoas como Daniel Calvo, e a lembranza sensíbel que de el se conserva na memoria colectiva de unha aldea galega como Langullo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios