Lembrar para dignificar: O Rosal homenaxea as vítimas do franquismo de Portocelo e San Xián

Na noitiña deste sábado O Rosal inaugurou dúas xornadas consecutivas de lembranza e homenaxe ás vítimas do fascismo que terán continuidade até primeiros de setembro.
P1720384
photo_camera Monumento na memoria das persoas asasinadas no lugar de Portocelo, no Rosal, na defensa da liberdade e a democracia. (Foto: Santiago Baz Lomba).

Os actos comezaron onte contra as 20 horas no lugar de Portocelo onde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña convidou a veciñanza da comarca a recordar a "varios compañeiros" da comarca asasinados nese enclave en 1936 "por defender a liberdade e a democracia". 

Hoxe, os actos continúan coa inauguración ás 12 horas dunha exposición que permanecerá aberta até o vindeiro día 5 de setembro nos baixos do Concello do Rosal, unha mostra que rememora os traballos de exhumación que o Instituto de Estudos Miñoranos realizou en 2009, no adro da igrexa de San Xián, e que fixo posíbel a recuperación de cinco corpos de dúas foxas comúns.

San Xián

Entre os identificados están Abilio Araújo Barbosa, Manuel Prudencio del Rosario 'Manuel de Lucinda', e Jesús 'O palero de Laureana', tres veciños de Gondomar asasinados en febreiro de 1937 e soterrados nunha foxa común en San Xián, no Rosal. 

Foron parte dun movemento amplo de transformación social

A primeira das vítimas, natural de Coura, en Portugal, pai de cinco fillos e residente na Galiza desde moi novo, foi executada tras ser reclamada pola Garda Civil da localidade. O segundo deles, orixinario de Santarén, en Portugal, sacárono da súa casa na noite de 10 de febreiro e foi executado ese mesmo día. A identidade definitiva de Manuel ou Jesús 'O palero de Laureana' segue a ser un misterio, ao saberse do seu asasinato mo mesmo momento en que se recuperou o seu corpo.

P1720375
Ofrenda floral ás vítimas do franquismo no Rosal. (Foto: Santiago Baz Lomba).

Outro dos enterrados en San Xián foi Joaquín Iglesias Portela, un ebanista da Ramallasosa, Nigrán, concelleiro en diversas corporacións republicanas e asasinado o 1 de setembro de 1936.

Memoria Viva

A iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña conta co apoio e colaboración do Concello do Rosal. 

"Estes actos fan parte do obxectivo do Goberno do Rosal de democratizar a vida municipal", declarou a Nós Diario Moncho leal, activista e concelleiro de participación Cidadá no municipio. Segundo explicou, O Rosal desenvolve o programa en marcha 'Memoria Viva' co obxectivo de salvagardar a memoria de diversas persoas da contorna, asasinadas, que mesmo chegaron a ocupar cargos de responsabilidade institucional e que sempre, desde todos sos eidos, "foron parte dun movemento amplo de transformación social".

Moncho Leal foi un dos encargados de conducir o acto de onte en Portocelo canda ao historiador Carlos Méixome e a alcaldesa do Rosal, Alexandra Fernández, no que tamén participou a artista musical Lara Villaverde.

P1720211
Asistentes á homenaxe impulsada pola Comisión de Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña. (Foto: Santiago Baz Lomba).

Manuel Noia

Outra das persoas homenaxeadas nese encontro foi Manuel Noia Gil (A Guarda 1897, Oia 1936). Xastre de profesión e significado sindicalista nas filas da Confederación Nacional do Traballo (CNT), militante do Partido Galeguista e alcalde republicano da Guarda. Resultou un dos nomes de referencia da loita política e social na comarca do Baixo Miño. Foi torturado, mutilado e asasinado o 24 de agosto de 1936.

Os cinco contan xa cun monumento no lugar no qwue foron asasinados.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios