Homenaxe en Cabanas á guerrilla antifranquista e ás redes veciñais que a apoiaron

Diferentes colectivos da comarca de Eume participaron na xornada organizada polo BNG municipal e a Fundación Galiza Sempre.

HOMENAXE GUERRILLA CABANAS FOTO ARTABRIA
photo_camera (Foto: Artábria)

Un acto de homenaxe e lembranza da guerrilla antifranquista e as súas redes loxísticas e de apoio decorreu na mañá deste sábado en Cabanas, comarca de Eume, organizado polo BNG local e a Fundación Galiza Sempre, unha xornada que tivo un dos seus epicentros na aldea de Xicos.

Con este acto quíxose honrar a memoria de todas as persoas que loitaron contra o franquismo e “sufriron a súa represión”, comprendendo non só as guerrilleiras e guerrilleiros, senón tamén a todas “as persoas que serviron de apoio loxístico á mesma, dando refuxio, xantar ou compaña, e sen as cales a resistencia non sería posíbel”.

O encontro contou coa presenza de diversos familiares destas persoas represaliadas, algunha das cales desprazáronse especificamente desde Francia para asistir aos actos de homenaxe, e as intervencións de Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento de Galiza; Lucía Veciño, secretaria da Fundación Galiza Sempre; e Iago Varela, portavoz municipal do BNG en Cabanas. Ademais, descubriuse unha placa de homenaxe e depositouse un ramo de flores en honor ás represaliadas en Cabanas e no conxunto da comarca do Eume.

CABANAS 2

O portavoz municipal do BNG, Iago Varela, lembrou que “Cabanas foi un dos núcleos de maior resistencia antifranquista, onde moitos fuxidos valéronse da espesura das Fragas do Eume como refuxio”, e destacou que “estas persoas fuxidas tiveron solidariedade da poboación local, que daba apoio loxístico en forma de alimentos, medicinas, armas ou acubillo, especialmente nas parroquias de Regoela e Soaserra”.

Pola súa parte, a secretaria da Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño, destacou a necesidade de seguir avanzando para documentar o papel do nacionalismo na guerrilla galega, así como o das mulleres. “As mulleres foron a alma das redes de a poio, mantendo vivo o espírito da resistencia. A súa complicidade e compromiso foi vital para que a guerrilla durase tantos anos nos montes galegos”, concluíu.

Á xornada de homenaxe reivindicativa organizada polo BNG tamén se sumaron outros colectivos da comarca, como Son Radiofusión, o Ateneo Fernán Martís, o Colectivo Terra, a Fundación Artábria ou a revista Mazarelos, organizando un cortexo cívico con saída da aldea de Xicos (Regoela), que percorreu algúns os lugares da memoria da guerrilla antifranquista de Cabanas. Este roteiro estivo guiado por Javier Rodríguez, decano da Facultade de Historia da Universidade de León, Henrique Sanfiz, director de Radiofusión, e Anxos García Fonte, profesora.

A xornada rematou cun xantar popular de confraternidade, no que as persoas participantes puideron compartir experiencias e vivencias.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios