A historia das guerrillas galegas aboia en Carucedo

A localidade berciana de Carucedo acolle desde hoxe e até maña un congreso sobre a Federación de guerrillas da Galiza e León. O encontro, promovido pola asociación memorialista Spútnik Labrego e por Edicións Positivas, reúne a máis de 50 participantes interesados recuperar a memoria da primeira guerrilla do Estado no seu 80 aniversario.

Dionisio
photo_camera Dionisio Pereira intervindo na primeira palestra do congreso da guerrilla de Carucedo. (Foto: L.V)

As xornadas sobre a Federación de guerrillas da Galiza e León deron comezo cunha palestra de Dionisio Pereira. Pereira, historiador de longa data e dunha ampla historiografía sobre o período republicano e franquista, referiuse aos aparatos de fuga  e as redes de evasión na fronte galego portuguesa entre 1936 e 1969

Pereira afirmou que “desde 1938 operou unha rede de fugas con saída de Vinhais e Braganza e destino a Porto, empregada desde 1942 pola Federación e posteriormente polos membros das agrupacións do Exército guerrilleiro da Galiza”.

A loita de 'Quinito'

Unha destas primeiras redes de fuga, destacou Pereira, foi “articulada polo guerrilleiro Joaquín Pérez 'Quinito', activa entre As Frieiras, Vilardevós e a linde da provincia ourensá coa de Pontevedra, que contaba en Vinhais (Portugal) coa complicidade para as fugas do presidente da apartada freguesía de Pinheiro Novo”.

A continuación de Pereira interveu Eliseo Fernández. Fernández, un dos máis reputados investigadores galegos sobre o movemento obreiro, represión e resistencia ao franquismo, quen analizou a actividade guerrilleira nas terras do Courel.

Fernández sinalou que “a actividade guerrilleira no Courel foi máis importante do que se pensa, porque nesta zona houbo grupos numerosos e choques armados que causaron bastantes mortes”. Asemade, lembrou que “polas súas condicións orográficas a serra foi un territorio moi difícil de controlar por parte das forzas franquistas”.

A guerrilla de ‘Blanquín’

O historiador ferrolán lembrou os primeiros núcleos guerrilleiros na zona, significando a figura José María Díaz Marzabal “Blanquín”. Nesta liña, indicou que “con el estivo Mabilo Sotuela Vila, que era irmán de David Sotuela, un cantante coñecido no seu tempo como o tenor do Courel, que se fixo famoso porque cantou en Arxentina e Cuba”, Os dous morreron a mans da ditadura franquista.

Fernández destacou que “os guerrilleiros que actuaron no Courel nos primeiros tempos e que conseguiron sobrevivir ás batidas participaron despois na creación da Federación de guerrillas da Galiza e León”.

A intervención de Fernández deu para coñecer “os enfrontamentos máis importantes entre as guerrillas e grupos de falanxistas que se desprazaron á serra para loitar contra deles”. “Nun destes choques, en 1937”, lembrou Fernández, “morreu o xefe local de Falange na localidade de Villarrubín, no municipio de Oencia. Máis tarde, os guerrilleiros executaron en Visuña a un cura que estaba intentando organizar un somatén”.

Continúan as xornadas

O encontro sobre a Federación de guerrillas da Galiza e León en Carucedo contara nas seguintes palestras coa participación de especialistas no tema, como Carlos Tejerizo, Xurxo Ayán, Laura Panizo ou Alejandro Rodríguez, a persoa que máis ten estudado a Federación

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios