80 aniversario da fundación da Federación de Guerrillas de Galiza e León

Fai 80 anos, falamos de 24 de abril de 1942 constituíase no Ferradelo, núcleo de Priaranza do Bierzo, a Federación de Guerrillas de Galiza e León, como resultado da agrupación de diversos grupos guerrilleiros que operaban  na área galego portuguesa.

Ferradelo 2
photo_camera Congreso de fundación da Federación de Guerrillas León-Galiza en Ferradelo (Priaranza do Bierzo). De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Xosé Vega “Animas”, Pedro Voces “Pitacega”, Guillermo Morán, Eduardo Pérez “Tameirón”, Mario Morán, Marcelino de la Parra “Parrra ou Casas”, Antolín M. Paciencia, Cesar Ríos, Marcelino Fernández “O Gafas”, Abel Ares, Pedro Lamas “Pedrín”, Victorino Nieto, Cuñeira, Abelardo Macías “Lebre”, Manuel Girón e Enrique Oviedo “O Chapa”. (Foto:Nós Diario)

A parroquia do Ferradelo, en español Ferradillo, reuniu na maña de hoxe a ducias de persoas procedentes de diversas partes da Galiza e do Biezo para conmemorar 80 aniversario da consitución da Federación de guerrillas da Galiza e León, a primeira estrutura guerrilleira conformada no Estado español.

O acto responde á vontade de lembrar a data na perspectiva de pór en valor á resistencia armada ao franquismo. Segundo sinala a Nós Diario un dos promotores do acto, o editor Francisco Macías, “a xornada de hoxe contextualizase no marco dunha serie de actos que teñen como obxectivo recatar a memoria da guerrilla”.

O congreso do Ferradelo

O historiador Alejandro Rodríguez, a persoa que máis ten estudado a Federación de Guerrillas da Galiza e León, ten sinalado en Nós Diario que “ a Federación xorde ao longo do ano 1941, e xa  no mes de decembro firmarían os primeiros regulamentos, aprobados no congreso fundacional do Ferradelo no mes de abril de 1942”.

O congreso do Ferradelo do que hoxe se cumpre 80 anos reuniu a ducias de guerrilleiros de toda Galiza. A este respecto, Rodríguez explica que “o exército da república, desfeito dende outubro do 37, organízase de novo catro anos despois, concretado a súa primeira xuntanza no tan renomeado congreso fundacional de Ferradelo, no mes de abril de 1942”.

Rodríguez destaca desta agrupación guerrilleira cuxa actividade continúa até 1947 a súa aposta pola unidade e o seu carácter plural. Nesta liña, indica que “a Federación vai destacar por varias cousas. Unha é a súa unidade no político, prohibindo de maneira expresa a propaganda partidista e primando o antifascismo como lema básico da súa loita. E, por outro, o seu illamento das organizacións dos exilios interior e exterior”.

A súa base ideolóxica é moi clara: o antifascismo

O historiador bercián significa que “a súa base ideolóxica é moi clara: o antifascismo. E isto, por riba de calquera outra formulación partidista. O  primeiro, combater a ditadura, organizarse e esperar unha mellora das condicións internacionais, despois, as formulacións ideolóxicas de cada quen. Neste sentido, a loita levada a cabo pola Federación nos montes de Lugo, Ourense e O Bierzo, non difire cas levadas noutras partes de Europa contra as invasións nazis e fascistas”.

O militante da agrupación, Francisco Martínez “Quico” explica a Nós Diario que “as guerrillas de León e da Galiza teñen dúas vertentes complementarias. Por unha banda eses grupos armados, por outra a base social que os apoiaba. Nesta zona, a loita antifranquista desenvolveuse nas vilas e nas cidades. A sociedade civil participa de forma activa na estratexia da resistencia, xa que se organiza nunha guerrilla do chan cos servizos de información republicana”.

“Esta áncora social constitúe un trazo que singulariza a cultura resistente da Federación de Guerrillas de León-Galiza”, continúa Quico, o último membro vivo da guerrilla galego, quen sinala que “malia o seu fracaso militar, o movemento guerrilleiro baseado nunha ampla rede social permitiu manter viva unha mobilización antifascista e a cultura democrática da Segunda República que fora arrebatada co golpe militar de Franco”.

Comentarios