sábado 24/07/21
Entrevistamos Adrián Presas (Historiador)

“No franquismo prodúcese unha ruptura coas elites anteriores”

O historiador Adrián Presas acaba de presentar unha tese que estuda como a ditadura franquista creou as súas elites locais nas principais cidades galegas. Coa análise de 4.840 nomes, as conclusións negan que o réxime fose continuista co caciquismo de épocas anteriores. Ao contrario, creou as súas propias elites.
Adrián Presas
Adrián Presas
Cal é o obxectivo da súa tese?

Nun primeiro momento era intentar solucionar unha idea que se viña transmitindo na historiografía a nivel estatal: a ditadura como continuidade doutros fenómenos anteriores, tales como o caciquismo ou o clientelismo. Nós observaramos, por outros traballos que se veñen realizando na facultade de Historia de Ourense, que no eido rural non era así. Por iso decidimos apostar en facer unha investigación de longo prazo para comprobar se iso se axustaba co discurso historiográfico e en principio non acontece. Cando menos no plano urbano, prodúcese unha ruptura con todo o anterior. A ditadura emprega un tipo de homes con pouca experiencia política, ou sen ningunha, profesionais liberais: avogados, catedráticos, farmacéuticos, notarios, rexistradores... Xente que podía ter de seu unha atribución económica para ocupar eses cargos municipais, porque non se cobraban. Preferíanos a eles, mais tamén había persoas con experiencia política, os que eran definidos como “católicos”, “ferviente patriota”, “muy leal al movimiento nacional”, xente conservadora que xa exercera con anterioridade cargos municipais.

A ditadura emprega un tipo de homes con pouca experiencia política, ou sen ningunha, profesionais liberais: avogados, catedráticos, farmacéuticos, notarios, rexistradores...

Por que se escolle o período entre 1917 e 1951?

Porque precisamente en 1917 é cando se produce a Revolución Rusa, cuxo éxito provocou nas elites conservadoras un cambio espectacular porque supuxo que, por primeira vez, aqueles a quen estas tiñan medo accedesen ao poder. Hai un cambio na mentalidade da cultura conservadora, que por exemplo en España se manifesta co maurismo —unha postura un chisco máis radical e reaccionaria. Nese momento de 1917 as elites comezan a adaptar o que virá a ser despois a II Guerra Mundial, os nacementos dos totalitarismos, sexa fascismo, sexa nazismo ou sexa o franquismo. Ese é o momento de orixe de todo isto. Recollendo todos eses nomes e comprobando como se renovan ou como van desaparecendo ao longo do tempo, conseguimos estabelecer eses enlaces de continuidade e descontinuidade que nos permiten trazar unha liña ao longo de todas as elites. 

Habería outros momentos de discontinuidade?

Na ditadura franquista, o momento clave é a partir do 39, cando xa o franquismo gaña a guerra e comeza a desenvolver posicións normativas

O outro momento de cambio é a ditadura de Primo de Rivera, que pasa a vasoira a todos, limpando por completo as elites anteriores. Na II República tamén se produce, aínda que o nivel de limpeza e de cambio é menor. Na ditadura franquista, o momento clave é a partir do 39, cando xa o franquismo gaña a guerra e comeza a desenvolver posicións normativas e a ter máis claro cal é o seu modelo de home para os cargos de alcalde, concelleiro ou presidente da deputación. Daquela comeza a verse unha adaptación das elites dun xeito moito máis claro.

Os resultados deste traballo abren algunha vía de investigación futura, como estendelo ao eido rural? 

E tamén facer estudos máis detallados sobre cal é a natureza do franquismo, a natureza política da ditadura, e superar eses vellos debates sobre se se trata dunha ditadura fascista, fascistizada, totalitaria ou autoritaria.

Si, esa é unha das vías que se pode abrir. O estudo cara ao rural xa demostra, en lugares como Ourense, onde está estudado, que ao haber menos xente e menos onde escoller, a continuidade respecto a outras tradicións anteriores do caciquismo, da ditadura de Primo de Rivera ou mesmo da I República, vaise manifestar moito máis que no caso das cidades. Tamén se abren outras liñas de investigación no ámbito das cidades, por exemplo, para  coñecer que tipo de elites, de maneira moito máis clara, en Santiago, en Ferrol ou en Lugo. E sobre todo, a investigación podería levarse de cara ao futuro, a partir de 1951, cando xa se estabelece a democracia orgánica, mal chamada democracia do franquismo. Sería interesante estudar como a partir de aí se comezan a seleccionar doutra maneira, se continúan ou se non continúan, cal é o grao de renovación e cal o de discontinuidade. Iso é o que se podería traballar a partir de aí. E tamén facer estudos máis detallados sobre cal é a natureza do franquismo, a natureza política da ditadura, e superar eses vellos debates sobre se se trata dunha ditadura fascista, fascistizada, totalitaria ou autoritaria. A miña motivación tamén era crear unhas bases para poder continualo cara ao futuro, levalo ao momento no que a ditadura de verdade se asenta —a partir dos anos 50— e comeza a ter un modelo máis definido do que quere ser de maior

comentarios