“O franquismo perdurará mentres quede un morto sen enterro”

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica entregou os restos de Perfecto de Dios, asasinado en 1950 e homenaxeado este sábado en Xinzo de Limia. 

Homenaxe Perfecto de Dios (Foto: @Luca_iskra)
photo_camera (Foto: @Luca_iskra)

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) entregou este sábado os restos de Perfecto de Dios á súa familia nun acto celebrado en Xinzo de Limia. Centos de persoas, así como representantes políticos, participaron do acto de homenaxe, segundo recolle Europa Press.

O antropólogo forense René Pacheco foi o encargado de facer a entrega en nome da ARHM. Destacou o apoio do sindicato Elogit de Noruega que permitiu a exhumación dos restos en Chaherrerro, en Ávila, onde foi asasinado este militante comunista, con só 19 anos, cando fuxía cara Francia en 1950. Tamén valorou a axuda de países como Portugal e Arxentina nas labores.

“A colaboración internacional evidencia que a desidia do Goberno de España vai alén das fronteiras. Quedan aínda 114.226 desaparecidos, non se pode ocultar”, asegurou Pachecho. A ARMH denunciou a “deturpación” da Lei de Memoria Histórica por parte do Executivo e cargou contra a Unión Europea e a ONU por “mirar cara outro lado”.

Outros dos que falou foi o histórico militante Gonzalo Iglesias Sueiro, que sinalou que “o franquismo perdurará mentres quede un morto sen enterro”. O acto tivo lugar en Xinzo porque a alcaldesa de Sandiás, localidade natal de Perfecto de Dios, non quixo ceder o auditorio, segundo reclamou o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios