Flores para Ánxel Casal no 87 aniversario do seu asasinato

Representantes dos Concellos de Teo, Arzúa e Compostela participaron en senllas ofrendas florais.

Ofrenda floral  no monólito de Ánxel Casal en Teo con motivo do 87º aniversario do seu pasamento.
photo_camera Ofrenda floral no monólito de Ánxel Casal en Teo con motivo do 87º aniversario do seu pasamento.

A Estivada da Ribeira, en Cacheiras, Teo, acolleu unha ofrenda floral en recordo de Ánxel Casal, na contorna do monólito que lembra onde apareceu o seu corpo no ano 36.

No acto de homenaxe, no que se gardou un minuto de silencio e se escoito o himno galego, participaron membros do Goberno local e representantes públicos dos municipios veciños de Arzúa e Compostela, vinculados aos momentos finais da vida e loita do alcalde republicano.

Casal pronunciou a primeira intervención dun alcalde na nosa lingua nun acto solemne

A esta iniciativa sumouse a última hora da tarde deste sábado, 19 de agosto, o acto impulsado pola asociación A Oliveira de loita pola memoria histórica 'Lembrando Ánxel Casal e Pepiño Areosa', quee serviu de homenaxe pública e recoñecemento a todas as persoas represaliadas pola ditadura franquista, que loitaron a prol da liberdade e da democracia a partir do golpe fascista do 36.

casal teo
'Lembrando Ánxel Casal e Pepiño Areosa' na Estivada da Ribeira, a inciativa do colectivo A Oliveira.

Esta cita contou coa participación dunhas 70 persoas que escoitaron as intervencións dos grupos municipais de Teo, do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril Ramos, da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e da escritora Iria Morgade canda a actuación do grupo de música Suasebe da Asociación Cultural A Mámoa de Luou.

Ánxel Casal foi asasinado polo franquismo o 19 de agosto dese ano, hai 87, tras ser detido 15 días antes na casa dun parente de Arzúa, onde se agochara.

Coincidindo co aniversario da súa morte, recibiu tamén a homenaxe do BNG de Santiago na estatua que lembra a súa figura máis o seu legado, cultural e municipalista, na avenida Xoán XXIII da capital da Galiza.

O rexedor nacionalista accedera a alcaldía de Santiago de Compostela o 23 de febreiro de 1936 cun discurso en galego, "a primeira intervención dun alcalde na nosa lingua nun acto solemne", lembrou a alcaldesa Goretti Sanmartín no acto institucional organizado polo Concello de Santiago, centrado en Ánxel Casal, esta sexta feira, 18 de agosto.

Ánxel Casal

Alén de ser o alcalde de Santiago de Compostela no 36, Casal tamén foi vicepresidente da Deputación da Coruña, impulsor do Estatuto do 36, membro do Partido Galeguista e integrante das Irmandades da Fala.

Ofrenda floral  no marco do acto 'Lembrando Ánxel Casal e Pepiño Areosa'.
Ofrenda floral no marco do acto 'Lembrando Ánxel Casal e Pepiño Areosa'.

A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega. Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos tanto para Santiago como para o conxunto do país, como proba a fotografía que recolle a presenza de ambos os dous na entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios