Ánxel Casal volve a Santiago e reivindícase

Cun solemne acto en colaboración con Teo e Arzúa, o Concello de Santiago homenaxeou a figura do alcalde republicano Ánxel Casal. A actual rexedora, Goretti Sanmartín, anunciou varias iniciativas que procurarán visibilizar a veciñanza represaliada na cidade tras o golpe de Estado que decorreu en 1936.
Momento do acto en homenaxe a Ánxel Casal no que se interpretou o himno galego (Foto: Arxina).
photo_camera Momento do acto en homenaxe a Ánxel Casal no que se interpretou o himno galego (Foto: Arxina).

Esta sexta feira foi unha xornada de homenaxes pola Galiza Martir. Comezaron no Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago de Compostela, cun acto institucional en lembranza do alcalde republicano Ánxel Casal, asasinado polos franquistas en agosto de 1936, para continuar, alén da capital galega, nos municipios de Marín e Oleiros. 

O Goberno municipal compostelán, en colaboración cos concellos de Teo e Arzúa, municipios vinculados aos momentos finais da vida e da loita de Casal, recoñeceu cunha iniciativa institucional a figura do galeguista e, coa súa memoria, a de todas as persoas que foron represaliadas canda el.

A homenaxe contou coa participación da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; da tenente de alcaldesa, María Rozas; da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, así como doutros membros da Corporación municipal e de representantes de fundacións e asociacións veciñais, culturais e de memoria. 

Na súa intervención, Goretti Sanmartín salientou a "faceta municipalista" de Casal, que se converteu en alcalde de Santiago o 23 de febreiro de 1936 cun discurso en galego, "a primeira intervención dun alcalde na nosa lingua nun acto solemne". A rexedora recordou algúns dos logros conseguidos polo político no consistorio como a "conmemoración do centenario dos nacementos de Rosalía de Castro e de Antonio López Ferreiro" ou o impulso da lingua galega, dotando as escolas municipais de libros e dicionarios neste idioma. 

Sanmartín tamén quixo lembrar outras figuras como a de  José Germán Fernández e Manuel Maza, detidos tras o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, ou María Miramontes, Consuelo Otero, Camilo Díaz e "tantas outras que aínda fican por dar a coñecer e facer visíbeis".

Por este motivo, a alcaldesa anunciou a posta en marcha dunha "Comisión da Memoria" que dará a coñecer "a traxectoria das 226 veciñas e veciños de Santiago contabilizadas na investigación Nomes e Voces que sufriron represión" e a instalación de "placas en lembranza das persoas que sufriron traballos forzados no campo de concentración da Lavacolla e das vítimas da represión que estiveron na cadea de Santa Isabel, nas Galeras".

A rexedora tamén anunciou que o Concello retomará para 2024 o Premio Literario Ánxel Casal, en vigor desde 1996 até 2011 e dirixido a estudantes. 

Pola súa parte, a primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, manifestou que "é imposíbel facer xustiza con Ánxel Casal, e con tantos outros e outras, pero é obriga facer memoria para mirar cara ao futuro e defender a democracia".

Marín e 'A Capirota'

O segundo acto da xornada tivo lugar en Marín. A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica dese municipio realizou a homenaxe anual a Carmen Pesqueira Domínguez, 'A Capirota', na praza e xardín que leva o seu nome nesa vila do Morrazo.

Nese emprazamento,  a xornalista Montse Fajardo interveu para lembrar que “non se fala das mulleres represaliadas” cando a maioría foron asasinadas “por ser solidarias, non polas súas ideas”. É o caso de Carmen Pesqueira “que se enfrontou aos falanxistas cando lle daban unha malleira a un home que non quixo facer o saúdo fascista”. 

Ademais, Fajardo subliñou que noutros casos a represión veu “por agochar fuxidos ou engadirse á guerrilla”. Segundo esta xornalista, “a 'Capirota' é un símbolo, non de loito, de memoria resistente de todas as mulleres que deron a batalla". 

Oleiros

Polo serán, e tras suspenderse pola chuvia o acto previsto en Rianxo, todo o protagonismo recaeu en Oleiros (comarca da Coruña), na parroquia de Nós. A homenaxe ás persoas represaliadas consistiu nunha ofrenda floral e mais nas intervencións da deputada nacionalista Avia Veira e Iria Taibo, do BNG local. 

Para este sábado, a Fundación Eira da Xoana e Adega anunciaron actos en lugares sinalados pola represión tras o golpe de Estado de 1936. Comezarán de mañá cun encontro no Coto (Melide), na N-547. Tamén decorrerá o acto institucional de Teo en lembranza a Ánxel Casal e ás persoas represaliadas ás 12 horas na estivada da Ribeira, así como a homenaxe do BNG en Cee (praza do Olvido, ás 20h) e as xornadas da entidade Os Torgueiros en A Gudiña.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios