Ánxel Casal xa conta cunha escultura que o lembra en Santiago

Hai tres anos que o pleno do Concello compostelán aprobara unha moción do BNG para erguer unha estatua en lembranza de Casal e da veciñanza represaliada polo franquismo. Porén, o Goberno municipal mantivo o acordo na neveira até o de agora.  
Inauguración do monumento que lembra Ánxel Casal en Santiago.
photo_camera Inauguración do monumento que lembra Ánxel Casal en Santiago.

Finalmente, Ánxel Casal ten un monumento na cidade en que desenvolveu gran parte da súa actividade como político, editor e activista. Hoxe, 17 de decembro, Día da Edición, inaugurouse en Santiago a escultura que homenaxea o escritor Ánxel Casal, obra de Cristina Rommel, diante da biblioteca pública que leva o seu nome.

Casal foi integrante das Irmandades da Fala, fundador das editoriais Lar e Nós, membro do Partido Galeguista, impulsor do Estatuto do 36, vicepresidente da Deputación da Coruña e alcalde de Santiago de Compostela. Hai tres anos que o pleno do Concello compostelán aprobara unha moción do BNG para erguer unha estatua en lembranza de Casal e da veciñanza represaliada polo franquismo. Porén, o Goberno municipal mantivo o acordo na neveira até o de agora.  

O acto comezou coa intervención da concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, quen proclamou que Ánxel Casal "volve á cidade da que foi alcalde" e quen lembrou que a súa posesión estaba integramente en galego. Ademais, dende o concello ratificaron o compromiso coa memoria democrática do país e concretamente da cidade.

A escultora Cristina Rommel tamén comentou algúns dos detalles da obra que se presentou este sábado, que inclúe elementos como unha representación da revista Nós e un imperdíbel estrelado na chaqueta, "porque era galeguista" e "tiñan que estar". Así mesmo, dixo que a escultura supuxo un gran reto porque só contaba con cinco fotos do autor, de diferentes idades, planos e perspectivas.

Durante o acto, presidido por unha representación da corporación municipal, o sobriño neto do autor, Felipe Ruiz, quixo lembrar "con ilusión" ao seu tío avó, e destacou como, en compañía da súa parella, deulle "forma e cor a un soño en tempos que eran grises" e como a súa inspiración perdurou até hoxe.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, mencionou o orgullo de contar coa "presenza viva" do último alcalde da República en Santiago a través da escultura e da súa memoria. Destacou tamén a figura "emblemática" que constitúe Ánxel Casal, quen malia non ter nacido en Santiago nin vivir boa parte da súa vida na capital galega, está "indisolubelmente ligado" á cidade.

A homenaxe concluíu coa música dun gaiteiro e a entoación do himno galego a cargo de todos os presentes.

Ánxel Casal (1895-1936) destacou polo seu labor como editor. Creou a editorial Lar, con Leandro Carré Alvarellos e, posteriormente, creou a editorial Nós. “Durante 12 anos, entre 1924 e 1936, e en dúas cidades, na Coruña primeiro e logo en Compostela, Casal publicaría máis de 80 libros, centos de folletos e separatas, revistas e diarios, nunha intensísima actividade cultural que entidades como a propia Asociación Galega de Editoras considera “fundacional” para o libro galego moderno.  

 

"Casal fixo por Galiza máis do que todos nós"

Foi Ánxel Casal quen editou, entre outros, obras de Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cunqueiro, Manoel Antonio, Víctor Casas, Ramón Vilar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, … e con el colaboraron ilustradores como Seoane, Camilo Díaz Baliño ou Maside. Ademais, da súa imprenta saíron publicacións como a revista Nós ou A Nosa Terra. Foi tamén o editor dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca, prologados por Eduardo Blanco Amor. O granadino foi asasinado o mesmo día que el

O seu labor como editor e impresor resultou fundamental para o desenvolvemento do galeguismo do seu tempo, até o punto de que Castelao chegou a dicir que "Casal por Galiza fixo máis do que todos nós”. 

Casal uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre da Escola do ensino galego das Irmandades. Foi militante do Partido Galeguista desde a súa fundación e foi elixido como alcalde de Compostela en febreiro de 1936. 

Un mes despois foi nomeado deputado provincial e vicepresidente da Deputación da Coruña. Exerceu tamén como vicepresidente do Comité Central da Autonomía da Galiza, se ben actuou como presidente en funcións ante a ausencia de Bibiano Fernández Osorio-Tafall. 

Dimitiu como alcalde e como edil o 9 de xullo dese mesmo ano. O día 17 formou parte da comisión que entregou o Estatuto da Galiza ao presidente do Congreso dos Deputados.  

Regresou a Santiago o día 20, e a proposta do comité de defensa formado a xornada anterior polos partidos e sindicatos locais tras o golpe de Estado dos fascistas. Aceptou facerse cargo de novo da Alcaldía, se ben ese mesmo día sería deposto pola autoridade militar.

Refuxiouse na casa familiar de Vilantime, en Arzúa, onde o detiveron a 4 de agosto de 1936. Foi levado á prisión de Santiago onde coincidiu con Camilo Díaz Baliño, quen o retratou a lapis ao igual que a outros presos políticos. Na noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras (Teo), perto do cemiterio.

 

Comentarios