Compostela rende homenaxe ao seu ex alcalde, Ánxel Casal

A Coruña tamén reneu tributo a Alexandre Bóveda esta quinta feira.
A compostelá praza do Toural acolleu o acto de homenaxe a Casal (Foto: Henrique M.).
photo_camera A compostelá praza do Toural acolleu o acto de homenaxe a Casal (Foto: Henrique M.).

Tal e como vén acontecendo todos os anos, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Santiago de Compostela realizou esta sexta feira a súa tradicional homenaxe ao que fora alcalde da cidade, o nacionalista Ánxel Casal, fusilado en 1936 após o golpe militar.

O acto tivo lugar na praza do Toural, alí a concelleira do BNG Navia Rivas, o deputado no Parlamento da Galiza, Luís Bará e a portavoz municipal da formación, Goretti Sanmartín, renderon homenaxe a Casal. 

Goretti Sanmartín fechou o acto público lendo unha emotiva carta dirixida ao propio Casal na cal explicou que o alcalde asasinado tiña moitas ideas na cabeza para transformar Santiago: "Converter o actual Hostal dos Reis Católicos na sede do Museo Nacional Galego, en plena Praza do Obradoiro, para que as persoas que fixesen o Camiño rematasen coñecéndonos de verdade". Ademais, Sanmartín aproveitou para criticar o rexedor da cidade, Sánchez Bugallo, por "non querer homenaxear institucionalmente a Ánxel Casal".

Homenaxe a Bóveda

Pola súa parte, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda tamén rendeu homenaxe esta sexta feira á persoa que lle dá nome á propia agrupación, Alexandre Bóveda

Foi na cidade da Coruña, na zona dos Catro Camiños ante o monumento ao propio Bóveda, alí a asociación conmemorou a súa figura que foi "chave para o nacionalismo galego, fundador e despois secretario de organización do Partido Galeguista, vítima da barbarie fascista vilmente asasinado na Caeira (Poio)".

No acto contouse coa presenza de Carlos Babío, historiador, investigador e coautor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio e co dúo BellónMaceiras, integrado por Daniel Bellón e Diego Maceiras que foi o encargado de pór o toque musical ao acto.

"Reunímonos aquí na Coruña para homenaxear, para lembrar, mais, sobre todo, para reivindicar o ideario político dunhas persoas, de toda unha xeración, que pagaron uns coa vida, outras co exilio e outras coa represión, o seu enfrontamento ao fascismo e a súa defensa dos valores cívicos da democracia", salientaron desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. "Utilizamos neste acto a palabra e a música para lembrar a todos os mártires do fascismo", acrecentaron.

Comentarios