"Hoxe é un día importante contra a impunidade": familiares de Bóveda, Caamaño e Paz formalizan no Consulado de Arxentina a querela contra o franquismo

As familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz presentaron hoxe formalmente as querelas individuais ante a xustiza arxentina por “crimes do franquismo” na sede do Consulado de Arxentina en Vigo.

Xunto ao equipo de avogacía criticaron ao Estado Español por non permitir a investigación e enxuizamento da causa en España 

consulado 2-min (1)
photo_camera (Foto: Deputación de Pontevedra)

“Hoxé é un día importante para loitar contra a impunidade, o silencio e o esquecemento dos crimes de lesa humanidade cometidos durante o Franquismo”. Así o manifestaron esta segunda feira as familias Bóveda, Caamaño e Paz que, xunto a súa equipa de avogacía, presentaron esta mañá no Consulado arxentino en Vigo as querelas contra o franquismo que se unirán á causa seguida pola xuíza Servini na Arxentina polos asasinatos acontecidos en agosto e novembro do 1936 .

Na formalización da querela estiveron presentes Amalia Bóveda Álvarez e Valentín García Bóveda,filla e neto de Alexandre Bóveda, dirixente nacionalista fusilado no monte da Caeira o 17 de agosto de 1936; Begoña Caamaño Santos e Olga Caamaño Santos, netas  de Amancio Caamaño Cimadevila, médico e presidente da Deputación nos anos 1932-1933, fusilado ba Caeira o 12 de novembro de 1936; e ‘Cano’ Paz García e Anxos Paz García, netos de Ramiro Paz Carbajal, impresor e líder político pontevedrés fusilado tamén na Caeira o 12 de novembro de 1936. Tamén estiveron presentes no acto representantes de CeaQua, Iniciativa Galega pola Memoria, e a deputada provincial de Memoria Histórica María Ortega.

Houbo coincidencia en subliñar que a reclamación pretende poñer en valor "o dereito á verdade, á xustiza, á reparación e á dignidade" , xa que as vítimas foron asesinadas tralo golpe de estado franquista pola defensa do governo civil de Pontevedra, os valores democráticos e a liberdade. 

consulado 1

A  querela, segundo explicou a avogada da equipa de Dereitos Humanos do Grupo de Avogados Novos de Vigo Irene Álvarez Francés, requiriu dun traballo de moita recompilación de datos. “Neste labor contamos con causas sumarísimas que poderían ter facilitado o traballo, pero conseguir certificados e outra documentación como cartas, fotografías ou outros elementos que puidesen probar a represión sistemática das familias que se adhiren á querela tivo as súas  dificultades”, subliñou. 

Álvarez destacou a importancia da adhesión das familias á querela arxentina “basicamente porque nos atopamos nunha situación na que o Estado Español está a consolidar un sistema de impunidade porque non quere investigar e enxuizar os crimes de lesa humanidade cometidos durante toda a ditadura franquista e durante a transición”, afirmou. 

“Recuperación de dereitos colectivos”

Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda e membro da Fundación Alexandre Bóveda, explicou que “aínda que xa está demostrado que foron asesinados  inxustamente” hoxe entregouse no Consulado toda a documentación e aportación histórica e xudicial que o demostrará formalmente no proceso xudicial aberto na Arxentina. 

O obxectivo da demanda, destacou Bóveda, é que este proceso se convirta “nunha vía de recuperación de dereitos colectivos  non só de Paz, Caamaño e Bóveda, senón de todos os fusilados e represaliados e de toda unha sociedade que vive desmemoriada absolutamente”.

Instou a que a querela sirva para animar a outras familias a dar este paso. “Que vala de revulsivo porque falamos de milleiro de casos, e iso tamén demostraría que non foron crimes individuais, senón crimes de lesa humanidade, colectivos, e que por suposto non prescriben, polo que a Lei da Amnistía non tería lugar”, salientou. 

"Buscar xustiza"

Begoña Caamaño, neta de Amancio Caamaño, subliñou que a presentación da querela pretende “buscar xustiza para unha xente que foi asasinada por defender os dereitos dunha democracia contra un golpe militar”. Tamén insistiu na crítica á Lei de Amnistía, da que dixo “non debeu ter saído así nunca”, puntualizando que “non se busca unha venganza, pero si un recoñecemento -”.

Cano Paz manifestou, pola súa banda, que a idea principal que o moveu a el e á súa irmá a presentar a querela é dar continuación ao labor do seu pai: “toda a vida intentando… buscando papeis, indo a rexistros, por un lado e por outro sen conseguir froitos”. “Agora continuamos nós e imaxino -e agardo- que sigan as miñas fillas porque isto non vai rematar aquí. Estou seguro que o Estado ten suficientes armas para ternos calados a nós e a outros moitos, polo que queremos recordar a todos os fusilados, represaliadas e toda a xente que sufriu penurias a raíz do golpe do Estado do 36”, finalizou.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega apuntou que é fundamental que sexa a xustiza a que recoñeza oficialmente que as condeas, os asasinatos, as torturas,  ou as depuracións de galegas e galegos polas súas ideas “foron realmente crimes contra a humanidade” e non feitos individuais. Tamén criticou que a día de hoxe aínda non sexa posible encarar a represión nos tribunais españois, senón que é preciso agardar resultados dun xulgado arxentino ou de tribunais internacionais. 

Inicio

As familiares reclaman que sexa a xustiza a que poña a verdade riba da mesa sobre os asasinatos acontecidos na Caeira (Poio) no ano 1936, que se revoguen as súas condenas e sancionen os seus axustizamentos.

Este proceso comezaba o 16 de novembro de 2019 a través dun acto público que se desenvolvía na Deputación de Pontevedra, no momento en que as tres familias anunciaban a súa intención de sumarse á querela Arxentina.

Naquel acto, a deputada de Memoria Histórica, a nacionalista María Ortega, sinalou que as reclamacións xudiciais son fundamental para a reparación e para a restitución da dignidade, e lembrou que aínda hoxe seguen vixentes sentenzas firmes nas que as persoas asasinadas constan como traidoras á patria nos xuízos sumarísimos e consellos de guerra que aplicaron os golpistas

A finais de 2019 había máis de 600 querelas presentadas e en diferentes fases xudiciais que implican a máis de 9.000 persoas vítimas do franquismo.

Na Galiza estímanse que entre os xuízos sumarísimos e as persoas paseadas poderían estar afectadas máis de 5.000 familias de vítimas.

Asasinados

Alexandre Bóveda foi fusilado o 17 de agosto de 1936 na estrada de Campañó, na Caeira (Pontevedra) e por ese motivo celébrase nesa data o Día da Galiza Mártir.

Amancio Caamaño foi fusilado o 12 de novembro de 1936 na Caeira xunto a outros nove destacados republicanos por liderar a defensa do Goberno Civil de Pontevedra fronte ao golpe de Estado das tropas franquistas contra o Goberno democrático da II República.

Ramiro Paz foi fusilado canda Camaño. Tiña 45 anos. Fora presidente da agrupación socialista e concelleiro.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios