Familiares de Bóveda, Caamaño e Paz formalizan a querela contra o franquismo

As familiares piden que se sancionen os asasinatos
Familiares de Bóveda, Caamaño e Paz coa deputada Marta Ortega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Familiares de Bóveda, Caamaño e Paz coa deputada Marta Ortega. (Foto: Nós Diario)

As familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz presentarán formalmente na próxima segunda feira as querelas individuais ante a xustiza arxentina por “crimes do franquismo” na sede do Consulado de Arxentina en Vigo.

As familiares reclamarán que sexa a xustiza a que poña a verdade enriba da mesa sobre os asasinatos acontecidos na Caeira (Poio) no ano 1936, que se revoguen as súas condenas e sancionen os seus axustizamentos. 

Este proceso iniciouse en novembro de 2019, cando as familias anunciaron a súa intención de adherirse á querela arxentina.

Entón comezou unha etapa de recompilación de documentación, bibliografía e información a fin de explicar e contextualizar o obxecto da querela, pedir xustiza para os tres persoeiros asasinados tras o golpe de Estado de 1936 polo seu fondo compromiso cos valores democráticos e republicanos e a defensa do país. 

A preparación da querela contou co asesoramento de CeAqua e coa axuda da Incitativa Galega pola Memoria e de Histagra.

O proceso correou a cargo, sen ánimo de lucro, da equipa de Avogados Novos de Vigo. Ademais, as familias contaron co apoio da Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica.

Moitas máis familias galegas amosaron o seu interese por sumarse á querela arxentina.

Comentarios