O Estado repara oficialmente Castelao no Día oficial de homenaxe aos represaliados

Miguel Seixas, presidente da Fundación Castelao, recolleu a declaración esta segunda feira.
Pedro Sánchez e Miguel Anxo Seixas no acto de reparación (Foto: Goberno de España).
photo_camera Pedro Sánchez e Miguel Anxo Seixas no acto de reparación (Foto: Goberno de España).

O Estado español recoñeceu e reparou onte Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Fíxoo en Madrid, no marco da conmemoración do Día de lembranza e homenaxe ás vítimas da Guerra Civil e a ditadura, data estabelecida na Lei de memoria democrática e que este ano alcanza a súa segunda edición.

Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, foi o encargado de recoller de mans do presidente español, Pedro Sánchez, o diploma de recoñecemento e reparación do político nacionalista. Un documento "en memoria e reparación pola  persecución e violencia padecidas por razóns políticas, ideolóxicas e de conciencia [...]" e que declara, ademais, "a ilegalidade e ilexitimidade dos tribunais que se constituíron para impor condenas e sancións, así como a nulidade da sentenzas e resolucións que ditaron". 

Seixas, en declaracións a Nós Diario, manifestou que foi un "acto emocionante" cuxa importancia "simbólica é enorme", polo que ten de recoñecer Castelao, "un nacionalista galego, un político que apostou pola república federal con Portugal e que foi voz das vítimas do fascismo". O presidente da Fundación Castelao considera que con esta reparación dáse un paso "para a normalidade", e destacou que o rianxeiro é "do máis grande que ten a Galiza, moito máis grande do que nós mesmos pensamos".

Neste sentido, Seixas destacou que no acto de onte no Auditorio Nacional de Música de Madrid, no que se procedeu a reparar unha vintena de persoas, moitos dos presentes coñecían a obra e importancia do rianxeiro. "Ensaísta, novelista, dramaturgo, debuxante e político. É un dos pais do nacionalismo galego", destacaron os condutores do acto, que lembraron que foi deputado nas Cortes españolas na II República, fundador do Consello da Galiza e ministro do Goberno estatal no exilio. "A súa obra foi declarada Ben de Interese Cultural inmaterial", concluíron.

Recoñecementos

No acto de onte organizado polo Goberno español procedeuse a entregar 18 diplomas de reparación a "represaliados de ambos os dous bandos". Así, para alén do recoñecemento e reparación a Castelao, aos escritores en catalán Salvador Espríu e en euskera Gabriel Aresti; á dirección de CCOO condenada no Proceso 1001; á membro da Resistencia francesa Conchita Grangé; ou á a escritora e intelectual María Teresa León; tamén se recoñeceu Juan Luís Demaría e Jesús Requejo, fusilados por milicianos.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios