O Estado reclama á Xunta que inicie "canto antes" a declaración BIC dos móbeis de Meirás

O Goberno español non desbota accións "xudiciais ou administrativas" para engadir á demanda da reclamación da propiedade de "todos ou algúns" destes bens.
EuropaPress_3821405_varios_representantes_colectivos_memoria_historica_victimas_franquismo
photo_camera Interior do Pazo de Meirás, durante unha visita de colectivos pola memoria histórica o pasado 1 de xullo (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A Administración Xeral do Estado non desbota exercer "accións xudiciais ou administrativas" no futuro co obxectivo de reclamar a propiedade de "todos ou algúns" bens móbeis e documentos que atesoura o Pazo de Meirás mais que non foron incluídos entre os 133 que xa demanda o Goberno español á familia Franco.

Así respondeu o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, nunha carta remitida ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, Román Rodríguez, quen esta mesma semana lle enviaba unha misiva instándolle a pedir xudicialmente outros 49 bens cuxa propiedade está en discusión.

En concreto, no procedemento emprendido no Xulgado de Primeira Instancia núfrancomero 1 da Coruña, o Goberno reclama aos Franco un total de 133, dos que de 55 se discute a súa titularidade. A estes engade a Xunta outros 49 que os técnicos consideran que deben ser considerados bens de interese cultural "polos seus valores vinculados a sitio histórico".

Neste contexto, o secretario de Estado recalca na carta "o interese" do Estado en protexer "tanto o inmóbel ─que xa é de titularidade pública─ como todos os elementos que o compoñen", segundo informa a Delegación do Goberno español en Galiza.

Con todo, o responsábel de Memoria Democrática do Executivo de Madrid urxiu a Xunta a incoar "canto antes" o procedemento para ampliar a declaración de BIC, o que podería evitar que estes elementos de titularidade discutida fosen retirados do Pazo, posto que a Administración galega dispón de "suficientes" instrumentos xurídicos para iso.

"Evitar o expolio"

Martínez lémbralle a Rodríguez que un eventual exercicio de máis accións xudiciais por parte do Estado ou a dúbida sobre a titularidade "non impide" que a Xunta adopte medidas para, no exercicio das súas competencias, protexer o patrimonio e "evitar o seu expolio e destrución".

Neste sentido, o secretario de Estado considera que "ninguén entendería" que o Executivo galego non adoptase medidas pola vía administrativa que impedisen a retirada dos bens, algo que estabelece a lei galega de Patrimonio.

Ademais, o representante do Goberno español salienta que o Madrid e Compostela traballan nun mecanismo de protección dos bens que poida ser "independente e complementario" ao exercicio de accións xudiciais.

Así, ambas as administracións avanzan no feche dun convenio e na necesidade de ampliar a declaración de BIC, de tal maneira que esta protección recolla non só o inmóbel, senón tamén todos os móbeis e elementos que xustifiquen que o Pazo de Meirás é un "sitio histórico".

O secretario de Estado de Memoria Democrática tamén subliña que a unión e a colaboración entre as institucións foi "decisiva" no proceso de reivindicación do inmóbel aos Franco, polo que espera que a Xunta "continúe por este camiño".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios