Sepulcro mandado labrar por Emilia Pardo Bazán ou retablo barroco da capela: o que os Franco queren levar de Meirás

A Iniciativa Defende Meirás difunde a segunda parte do catálogo de móbeis que a familia herdeira do dictador quere sacar do lugar.
A capela das Torres de Meirás (Foto: cedida)
photo_camera A capela das Torres de Meirás coas cadeiras e reclinatorios. (Foto: cedida)

A Iniciativa Defende Meirás difunde a segunda parte dos bens incluídos no catálogo do Pazo de Meirás que a familia Franco pretende retirar (ou xa retirou nalgún caso) amparándose en controvertidas decisións da Xustiza española e con fondas reminiscencias franquistas.

Nesta ocasión a organización trata tres elementos, as lousas do chan da capela, o retablo e pezas do conxunto e as cadeiras e reclinatorios.

En canto a capela das Torres de Meirás, un espazo de culto relixioso que non podía faltar en ningunha casa nobre, re-acondicionado no seu día baixo a supervisión de Emilia Pardo Bazán, converteríase co tempo nun dos lugares máis fotografados do Pazo durante as estancias do ditador. No chan hai dúas pedras que son dúas lousas, unha delas cunha inscrición á memoria do fundador da casa medieval, Roi de Mondego, do século XIV. É a peza co número 27 do catálogo.

Ademais, consérvase un retablo, orixinario do Pazo ou Torre de Sada, de finais do século XVII ou comezos do XVIII, incorporado ás Torres na súa construción a finais do século XIX. Na RAG hai depositada unha fotografía coa lenda: “Altar maior de igrexa non identificada”, e datada entre os anos 1900 e 1920, que é o retablo orixinal da capela. Estes bens en perigo de seren trasladados polos Franco forman parte en realidade do legado de Pardo Bazán.

Todas as figuras do retablo son as orixinais da época de Pardo Bazán, coa excepción da máis importante. A virxe que figura na parte inferior da sección central non é a orixinal. A orixinal era unha figura de Nosa Señora "da Antiga”, que se reproduciu nunha postal que Pardo Bazán remitiu desde Meirás a Santiago de la Iglesia. A parte lateral esquerda do retablo ten simboloxía relativa á ascendencia de Emilia Pardo Bazán, e probablemente foi tallado á imitación do central, moi anterior no tempo. A da dereita ten simboloxía e heráldica relativa a Franco, pode ser unha reprodución dos anos da ditadura realizada a imitación da outra.

Na capela tamén se atopa o sepulcro mandado labrar pola escritora co fin de acoller os seu restos. Mais finalmente foi soterrada en Madrid e nunca se cumpriu esa vontade súa.

Por último, están as cinco cadeiras de estilo neogótico con tapicerías bordadas por Pardo Bazán e outras mulleres da familia. Orixinalmente estaban situadas no despacho da planta baixa da Torre de Levante, tamén coñecida como a da “Quimera”. A máis grande, a do retrato de Catalina de Alexandría, formaba parte do escritorio de Pardo Bazán. Os reclinatorios son tamén da época da escritora. Un deles mesmo leva as súas iniciais (PB). O único que non se pode confirmar é o de maiores proporcións, situado no centro e que empregaba Franco. O ditador e a súa dona axeonlláronse nesa capela en multitude de ocasións diante dos focos dos fotógrafos e do Nodo para exhibir a súa fe en Deus mentres saqueaban o país.

Desde a iniciativa piden a cidadanía que se dirixan a título individual á Consellaría de Cultural e soliciten que se publique “de inmediato” o catálogo de bens móbeis de Meirás, incorporándoos como anexo na declaración de Ben de Interese Cultural e asociados á categoría de sitio histórico.

Comentarios