A Xunta insiste en que protexer os bens de Meirás corresponde ao Estado e o BNG ínstaa a non poñer "escusas"

A Administración galega volve escudarse, en comisión parlamentar, á sinatura dun convenio co Goberno español.

A capela das Torres de Meirás (Foto: cedida)
photo_camera A capela das Torres de Meirás.

O secretario  xeral técnico da Consellaría de Cultura, Educación e  Universidade, Manuel Vila, manifestou que a protección dos bens do Pazo de Meirás corresponde ao Estado e volveuse a remitir ao convenio enviado ao Goberno español para a ampliación aos mesmos da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

Fíxoo a preguntas do deputado do BNG Luís Bará na Comisión 1ª Institucional de Administración  Xeral,  Xustiza e Interior do Parlamento galego. Nela, Bará reprochou ao Executivo galego a procura de "escusas" e de pretender "renunciar a competencias propias" por non promover até o momento a ampliación BIC a estes bens.

"Estamos nunha conta atrás, isto non pode ser un  peloteo", dixo en referencia ás discrepancias entre a Xunta e o Estado sobre quen debe proceder a esta ampliación, despois de que o Goberno estatal manteña que é competencia da Administración galega e esta entenda que, como propiedade estatal, corresponde ao Estado e remítase, en todo caso, á sinatura dun convenio entre ambas as administracións.

"Non se trata de buscar escusas, senón de seguridade xurídica", expuxo Manuel Vila en resposta ao deputado nacionalista e emprazando o Estado á sinatura do mencionado convenio. "O Estado non pode renunciar ás súas competencias e a competencia para a protección do ben é do Estado", manifestou.

"A Xunta e o PP sempre foron por detrás e de mala gana", asegurou Bará, vinculando os pasos dados coa "presión social". "Hai que actuar de maneira rápida e contundente", sinalou o deputado nacionalista para argumentar que debe evitarse o "saqueo" dos bens por parte dos Franco.

Por outra banda, insistiu en que a ampliación do BIC aos bens é a forma de "garantir a unidade e a integridade do conxunto" e, para apoiar que é competencia da Xunta, remitiuse á Illa de San Simón.

"Ben titularidade do Estado e declarado BIC pola Xunta", expuxo fronte ao argumento do secretario xeral quen remarcou que Meirás é "un ben de dominio público, xestionado pola Administración do Estado".

Comentarios