A Coruña, récord de restos do franquismo

Novo "roteiro da vergoña" pola cidade para denunciar a "ofensa ás vítimas" que supón a permanencia de distincións da época da ditadura. No acto mudáronse simbolicamente os nomes de varias rúas.
roteiro_vergonha_corunha_2out2021
photo_camera Un momento do roteiro desenvolvido este sábado pola Coruña (Foto: BNG / Twitter)

Convocado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), coa colaboración da Asociación Veciñal da Agra do Orzán e da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, percorreu este sábado as rúas da Coruña o quinto "roteiro da vergoña". 

O obxectivo denunciar a "ofensa ás vítimas do franquismo" que supoñen as rúas, retratos, distincións, placas ou monolitos da época da ditadura, até un total de 108, un "vergoñento récord", segundo os convocantes. 

O acto foi presentado polos artistas Xurxo Souto e Isabel Risco. Ademais, o gaiteiro Raúl Gallego acompañou a marcha. Durante o roteriro procedeuse a sinalización alternativa de varias rúas. Así peñamaría de llano foi substituída por Mártires de Valdeorras, como reparación ás vítimas da represión fascista nesta comarca pola bandeira da lexión, comandada polo tenente Peñamaría.

Liaño Flores por Mártires do Portiño, lembrando as 19 persoas asasinadas na fuga do Portiño en marzo de 1937. Jaime Hervada por Arturo Meirás Martínez, de 24 anos, do Sindicato de Hojalateros da CNT, boxeador afeccionado que foi 'paseado' en Bastiagueiro o 13 de novembro de 1936.

Salorio Suárez por José Boedo López, canteiro, militante da CNT, fundador do Ateneo Libertario El Resplandor en el Abismo da Silva, que foi paseado na Coruña o 19 de agosto de 1936. Era ademais pai do cantante José "Pucho" Boedo Núñez e de José Antonio Boedo Núñez, participante na fuga do Portiño e fusilado o 11 de setembro de 1937.

Familiares das vítimas

No acto participaron familiares das vítimas do franquismo; de Francisco Díaz Moreno, sobriños de Arturo Meirás e Alejandro Dopico Saleta, asasinados na fuga do Portiño. Ademais leuse un texto de Raquel Boedo, filla de José "Pucho" Boedo Núñez, cuxa familia foi particularmente represaliada porque foron asasinados o seu avó, José Boedo López e José Antonio, irmán de Pucho.

Ademais, o escritor e xornalista Manuel Rivas colaborou co texto Un heroe do pobo sobre Arturo Meirás; tamén o historiador Eliseo Fernández, sobre a fuga do Portiño. Marisol Miras, da Asociación Veciñal da Agra do Orzán, leu un texto sobre Liaño Flores. E Xesús Vilasánchez, concelleiro do Barco de Valdeorras, sobre a participación de Peñamaría de Llano na represión criminal en Valdedorras en 1939.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios