Análise

'O escudo do Reino de Galiza', un libro imprescindíbel

Atopámonos agora, pois, ante a quinta entrega dos monográficos: “O escudo do Reino da Galiza” de Héitor Picallo. Ten de diferente este traballo que naceu como coleccionábel en setembro de 2020 para remaquetarse e ampliar o seu contido respecto da forma inicial dando lugar ao libro actual. Estabelecemos desde Sermos Galiza a entrega a persoas subscritoras polo prezo de custo e un sistema de venda por cupóns desde Nós Diario que supón tamén un aforro con respecto ao prezo das librarías.
O Museo do Pobo Galego acolleu a pasada sexta feira a presentación do novo caderno publicado por Sermos Galiza S.A. (Foto: Nós Diario) #oescudodoreinodagaliza #monográficos #sermosgalizasa #héitorpicallo #coleccionábel
photo_camera O Museo do Pobo Galego acolleu a pasada sexta feira a presentación do novo caderno publicado por Sermos Galiza S.A. (Foto: Nós Diario)

Os monográficos De nós. Con perspectiva galega xorden da decisión de publicar cadernos temáticos tomada pola xunta xeral de accionistas de Sermos Galiza S.A. no ano 2017. A empresa editora do xornal Nós Diario ten entre os seus obxectivos fundacionais espallar información e coñecemento sobre a historia do noso País, tan oculta, nesgada ou roubada, moitas veces para proveito alleo e espurio, especialmente na época medieval. Entendemos desde Sermos Galiza que só recuperando a nosa memoria se pode construír un futuro diferente. En relación con este obxectivo bótanse a andar os devanditos monográficos.

O primeiro deles levou por título: “Rebeldía galega contra a inxustiza” e veu a luz en marzo de 2018 para denunciar determinados atropelos e inxustizas levadas a cabo polas autoridades contra a poboación como os dos que se deron en chamar Mártires de Nebra. Con afán divulgativo e para dar continuidade ao sistema literario galego, aproveitando que se lle dedicaba a María Victoria Moreno o Día das Letras Galegas, publicouse o monográfico “Renacer á descuberta das palabras”.

No outono do mesmo ano publicábase “Galiza. 1968. A consciencia avivada” no que se quixo expor a reorganización na clandestinidade de correntes políticas antifranquistas, as primeiras iniciativas sindicais, a aparición de Voces Ceibes ou as revoltas universitarias compostelás.

Procurábase nesta publicación fornecer información sobre a historia da Galiza sacando á luz os aspectos silenciados pola historiografía oficial. En febreiro de 2019 edítase “Antroidos e Máscaras na Galiza rural”, que presenta unha estrutura de catálogo dos nosos antroidos, con vontade de recuperar tradicións perdidas e facelas populares de novo.

Un monográfico que naceu dun coleccionábel

Atopámonos agora, pois, ante a quinta entrega dos monográficos: “O escudo do Reino da Galiza” de Héitor Picallo. Ten de diferente este traballo que naceu como coleccionábel en setembro de 2020 para remaquetarse e ampliar o seu contido respecto da forma inicial dando lugar ao libro actual. Estabelecemos desde Sermos Galiza a entrega a persoas subscritoras polo prezo de custo e un sistema de venda por cupóns desde Nós Diario que supón tamén un aforro con respecto ao prezo das librarías. Este sistema de beneficiar as persoas subscritoras persegue, en última instancia, fortalecer as subscricións que son a sabia que alimenta Nós Diario. Este proxecto considerámolo imprescindíbel, entre outras razóns, se temos en conta os campos ermos que son para a nosa lingua, aínda hoxe, os medios de comunicación escritos. 

“O escudo do Reino da Galiza” comparte coas publicacións anteriores o cometido de demostrar como a historia da nosa nación foi negada e ocultada. Neste rigoroso e prolixo estudo atopamos interesante información sobre o noso escudo e demóstrasenos como figurou por toda Europa e mesmo América en pé de igualdade con outras posesións de diferentes monarcas e non subxugado ás armas doutros reinos.

Héitor Picallo dá conta da presenza do escudo galego desde o seu primeiro testemuño no Segar,s Roll (1282), e vai demostrando a través da cita e estudo de numerosas fontes a importancia que se lle outorgou ao noso reino (malia o declive político que a Galiza vive a partir de finais da Plena Idade Media) tendo en conta a presenza e os destacados lugares nos que o noso escudo foi aparecendo.

Un libro variado en canto a estilos e contido

Podemos dicir que o libro mostra un carácter variado en canto a estilos e contidos. Nuns momentos prevalecen os cotexos e prolixas descricións (mesmo a detección de erros que resulta dun traballo inxente) en armoriais, libros ilustrados, misais, gravados, miniaturas e, mesmo relevos en chemineas. Noutros casos, botando man dunha linguaxe máis coloquial, como se dun caderno de viaxe se tratase, podemos ler: “Dende Bruxelas collemos o tren para irmos a Mechelen que conta cunha manchea de edificios emblemáticos que cómpre coñecer e, se presta, colorear en acuarela. Aínda que a verdade non hai tempo para tanto” (p. 107). Estes chimpos no estilo e no tempo (e chiscadelas á faceta gráfica do autor) fannos imaxinar un Héitor Picallo que como o Galván en Saor, que por certo tamén se menciona no libro, deixa o cabalo para coller un tren (no canto dunha moto como facía o personaxe de Darío X. Cabana) saltando así da Idade Media aos nosos días como levado polo encantamento que o chama a procurar o Graal. Ben interesantes son, dito sexa de paso, as hipóteses que vinculan o deseño do cáliz do escudo coa materia de Bretaña ou as indagacións sobre a inicial orixe non relixiosa da copa ou copas que formaron parte do escudo (alén doutros “mobles” como a torre de Hércules, ou os paus en “azur”). Queremos resaltar, entón, que grazas á combinación de dunha linguaxe propia das investigacións con outra máis divulgativa e coloquial, estamos ante unha obra accesíbel e interesante non exclusivamente para unhas lectoras e lectores especialistas en historia ou heráldica.

Alén do evidente valor da investigación, con todo, queremos pór de relevo as apaixonadas reflexións que se materializan na escolla léxica empregada en ocasións como na seguinte cita: (p. 93) “aguillóelle a quen lle aguilloe, seguimos presentes no mapa da historia e na cartografía dun mundo irisado por multitude de pobos” (afirmación feita a colación da substitución nobiliar galega que levaron a cabo no seu día os Reis Católicos coa intención tan indiscutíbel como falida de borrar os nosos sinais de identidade). Na mesma liña, Picallo bota man das exclamacións para insistir en que “Galiza existe!” dando conclusión, así, ao capítulo dedicado ás 3 xilografías renacentistas do escudo galego (p. 179).

A Galiza internacional

No camiño de desterrar o autoodio que a ferro nos forxaron a galegas e galegos, Picallo saca á luz a importancia que outros pobos lle deron a noso País e a forte consideración internacional da que gozou. Estamos, polo tanto, ante unha obra con vocación reivindicativa da identidade da nosa nación e de denuncia do seu ocultamento no noso contexto xeográfico máis próximo.

Desde Sermos Galiza, compartimos o mesmo camiño, e non nos queda máis que agradecer a colaboración constante de Héitor Picallo e darlle os parabéns pola magnífica obra que nos entrega.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios