A historia do escudo da Galiza revela a importancia e proxección do antigo Reino da Galiza

Un debate organizado sobre o libro de Héitor Picallo O escudo do Reino da Galiza, editado por Sermos Galiza, relata unha historia antiga e exuberante e cunha proxección internacional até o de agora insospeitada. O traballo, ademais, pon de manifesto as lagoas que aínda quedan por cubrir sobre a nosa Historia.
M. Antonia Pérez, Anselmo López Carreira, Héitor Picallo, X. Manoel Sánchez e Ana Rodiño nun momento do debate sobre o libro. (Foto Arxina)
photo_camera M. Antonia Pérez, Anselmo López Carreira, Héitor Picallo, X. Manoel Sánchez e Ana Rodiño nun momento do debate sobre o libro. (Foto: Arxina)

A Historia revelada a través da heráldica. A idea, se cadra, non estaba de abondo explotada, mais o libro de Héitor Picallo O escudo do Reino da Galiza, publicado por Sermos Galiza, pon de manifesto que as consideradas “ciencias auxiliares” poden converterse en protagonistas de achádegos de enorme valor. A Asociación Cultural O Galo de Compostela organizou hoxe un debate arredor deste volume coa presenza do autor da obra, de Anselmo López Carreira -profesor da UNED-, de Xosé Manoel Sánchez -director da área de medieval do Arquivo da Catedral de Santiago-, de Ana Rodiño -membro do Consello de Administración de Sermos Galiza- e de Mª Antonia Pérez, presidenta da propia A.C. O Galo.

As primeira representación coñecida do escudo do Reino da Galiza procede do Segar´s Roll, un armorial -publicación dedicada á descrición sistemática de emblemas heráldicos ou escudos de armas- inglés elaborado arredor de 1282, no que aparecen recollidos 24 escudos reais, entre eles o da Galiza, representado “en campo azur, tres cálices de ouros ben ordenados”. Mais iso, como indica Picallo, "non indica que con anterioridade non houbese máis emblemas galegos". 

A partir desa orixe, o libro vai desvelando o desenvolvemento do escudo da Galiza: a súa evolución, a relación coa materia de Bretaña e a busca do Graal, co ciclo artúrico, a curiosa intervención de Durero nunha representación que celebraba Maximiliano I de Habsburgo, a súa difusión por Europa e América ou os cambios introducidos ao longo do tempo.

Anselmo López Carreira, en conversa con Nós Diario, subliña a “sorprendentemente sorprendente” cantidade de información que Héitor Picallo foi quen de recompilar neste libro. “E dígoo, así, desta forma redundante, porque malia todos os datos que até de agora tiñamos sobre o Reino da Galiza como entidade política independente durante unha boa parte da Idade Media, segue provocando incredulidade que toda esa información permaneza inédita e descoñecida para nós”. López Carreira, un dos máis recoñecidos especialistas no período medieval, recoñece que el sabía de “dous armoriais nos que o escudo da Galiza estaba presente, pero a cantidade de novos achádegos que Picallo pon a disposición do público segue a provocar un gran choque coa realidade da historiografía oficial”.

A investigación de Picallo transita por diversos espazos da xeografía europea como Bélxica, Francia, Dinamarca, Austria, Alemaña ou Italia, e atopa que os principais escenarios da historia europea contan con representacións do escudo do Reino da Galiza “É abraiante que toda esa iconografía estivese oculta”, di López Carreira. “Non no sentido de que alguén quixese agochala, porque estaba á vista de todos, mais nunca se estudara dunha forma sistemática, non eramos conscientes desa riqueza que agora nos descobre este libro”.   

Xosé Manuel Sánchez, doutor en Historia Medieval e director da área de medieval do Arquivo da Catedral de Santiago, coincide con López Carreira: “Eran datos que estaban agardando a que alguén os descubrise, que alguén lles prestase atención. Penso que, ás veces, dedicamos moito tempo e moitos esforzos a estudar temas que, supostamente, teñen máis repercusión na opinión pública ou nas instancias académicas e deixamos de lado outros que damos por sabidos. Este estudo de Picallo demostra que un aspecto da identidade galega como é o da súa representación heráldica pode ser extraordinariamente fértil e provernos de moitísima información que quizais é máis complicada de obter por outras vías”. 

López Carreira ve neste estudo unha forma de afondar na historia da Galiza e de confirmar o tratamento historiográfico do reino medieval “é dicir, do seu esquecemento”, apunta o historiador. “Este volume serve para nos lembrar que a existencia e coñecemento do Reino da Galiza é moi longa e que a súa proxección internacional é aínda maior do que pensabamos”.

Abundando no tema, Sánchez cre que “podemos discutir sobre o peso político que tiña a Galiza medieval, pero a súa presenza é indiscutíbel. O estudo de Picallo vai máis alá da confirmación desa entidade independente: tamén explica a súa continuidade no tempo cunha entidade consuetudinaria e mesmo xurídica que se mantén ao longo de toda a historia”. 

Claridade expositiva

Os participantes no debate eloxiaron tamén a claridade e a sinxeleza con que Picallo ofrece os seus datos. "Non é preciso ter grandes coñecementos de Historia para comprender a información que pon ao noso dispor o libro", comenta Sánchez a este diario. "Calquera que se achegue a el vai ver moi enriquecidos os seus coñecementos sobre os alicerces do Reino da Galiza pola claridade expositiva de que fai gala e, ademais, desfrutará moito coa estupenda prosa do autor". 

Oferta especial para persoas subscritoras

O libro O escudo do Reino da Galiza. Unha (re)visión (inter)nacional -224 páxinas a toda cor e máis de 150 ilustracións- amplía en 8 capítulos o traballo inicial do coleccionábel distribuído hai un ano con Nós Diario. Ten un prezo especial para subscritoras de Nós Diario de 7,90 euros. Tamén estará nas librarías, a 29,90 euros. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios