mércores 20/10/21

Héitor Picallo: "As primeiras representacións do escudo galego son realmente fabulosas"

Héitor Picallo (Cuntis, 1974), investigador, debuxante e escritor, é o autor de O escudo do Reino da Galiza. Unha (re)visión (inter)nacional, a nova publicación que Nós Diario sacará do prelo a semana que vén. A completa investigación de Picallo restaura unha parte chave dun noso pasado condenado ao ostracismo. A investigación transita por diversos espazos da xeografía europea como Bélxica, Francia, Dinamarca, Austria ou Alemaña, ou da americana, con especial incidencia en Cuba ou na Arxentina.
Héitor Picallo co seu novo libro. (Foto: Arxina)
Héitor Picallo co seu novo libro. (Foto: Arxina)

—As primeiras representacións coñecidas do escudo da Galiza proceden do século XIII. Quere isto dicir que con anterioridade a esa data non existía?

No armorial Segar’s Roll fica a primeira representación coñecida do escudo do Rei da Galiza, se ben hai que precisar que na actualidade só se conserva unha fermosísima copia daquel pergameo orixinal datado en 1282. Mais que exista nesa época unha estampa coas armas da nosa nación, a piques de falecer o rei Afonso IX 'O Sabio', non quere indicar que con anterioridade non houbese máis emblemas galegos. A heráldica tiña por esas alturas uns 150 anos de existencia.

—Ten adiantado a tese do borrado da representación do escudo galego na documentación medieval a partir dalgún momento de mediados do século XIV. Concretamente cita o caso do Tombo B da Catedral de Santiago de Compostela. A que intención respondía esta operación?

Realmente o que sinalei é que os signos rodados que acompañan os documentos do tombo B, cando levan as armas de Castela e León, se non todos, si a maioría, sempre aparece un león borrado. Esta acción debeuse efectuar non antes do ecuador do século XIV, que é cando se remata de escribir o referido libro. Que isto aconteza responde a dúas circunstancias bastante obvias: por unha banda, ao borrarse só un dos leóns non se censura o reino que representa, pois aínda fica outro cuadrúpede no signo rodado.

Por outra banda, eliminalo supón unha intención de substituílo por outro símbolo (tamén heráldico). Se a persoa ou persoas responsábeis buscan incorporar o emblema doutro reino, este tiña que ser un dos que formaban parte da coroa castelá, polo que só habería unha opción válida ao se tratar de textos galegos. Ora ben, ao non sabermos cando acontece ese borrado, non dispomos dun contexto para poder entender a que puido ser debido, quen presidía o capítulo catedralicio e que pontífice ocupaba a cadeira metropolitana. Do que non hai dúbida é da intencionalidade “política” que se intentou levar a cabo.

—Se tivese que quedar cunha representación do escudo da Galiza desta primeira época, cal escollería?

As primeiras representacións do escudo galego son realmente fabulosas. A letra miniada do Sherborne Missal (c. 1399-1407) é unha verdadeira alfaia iconográfica que estimula a nosa identidade nacional. Porén, eu quedaríame con calquera das versións do escudo galego provisto de trevos, eses vexetais que han ser o xermolo das futuras cruces do brasón moderno da Galiza. E se aínda queremos concretar máis, quedaríame con aquel cáliz en campo de goles (ou vermello) que se acompaña de trevos de ouro. Quizais algún día poidamos adiviñar quen foi a persoa ou persoas que o puideron deseñar, así e todo a man do rei de Xerusalén René d’Anjou (1409-1480) fica nun libro do que é autor e no que tamén aparece Galiza. Refírome ao Livre du Cœur d'Amour épris, comezado a escribir cara a 1457 e no que se conxuga heráldica e literatura. 

Na parte que nos afecta, e analizando un dos manuscritos que se conserva na Bibliothèque nationale de France, o fantástico cabaleiro Ponthus, fillo do rei da Galiza, que namora de Sidoine, filla do rei da Bretaña, para o seu emblema liga as armas negras de bágoas brancas (facendo unha chiscadela ás orixes da súa amada, a Bretaña) coas propias da Galiza daquel entón: sobre un pano vermello, cálices e trevos de ouro. Para min, sen dúbida, ese é o emblema que máis me emociona, pois ten que ver non só co que Europa vía en nós, senón tamén con relatos literarios vinculados coa matière de Bretagne, o que nos engarza con outras nacións atlánticas: Inglaterra, Escocia, Irlanda e a mesma Bretaña.

—Adóitase identificar o escudo da Galiza con símbolos relixiosos como o cáliz ou as cruces, mais isto non foi sempre así. Como foron os nosos primeiros escudos e cando perderon o seu carácter laico?

As primeiras versións dos cálices vinculados co escudo da Galiza podían ir abertos ou fechados cunha tapa. Cando isto acontece non todos van provistos dun remate crucífero, polo que será a partir de 1450 aproximadamente cando o emblema galego teña certas atribucións relixiosas. Antes desa data, o cáliz non posúe ningunha cruz na súa tapa polo que se relaciona directamente cun dos elementos principais da vaixela que empregan os nobres e os reis (tal e como se observa nas miniaturas medievais). Porque as persoas do común, como ben apuntou Pepe Barro no seu momento, bebían en cuncas e nunca en elementos tan prezados e exuberantes. Outra cousa sería adiviñar se o cáliz tivo ou non unha vinculación literaria co ciclo artúrico, o que non sería moi de estrañar. Nese aluvión literario tan importante da Europa medieval gustaron certos autores, algúns anónimos, de crear personaxes fantasiosos galegos, reis ou fillos de reis na súa maioría, e que foron salpicando de historias incríbeis países como Inglaterra, Francia, Flandres, Italia, Finlandia, Islandia... As cruces que se incorporan ao campo do escudo galego, por outra banda, xorden en época moderna ao longo do reinado de Carlos V, facendo murchar aqueles trevos medievais para agromaren en forma de cruces. Isto debeu acontecer ao redor de 1519.

—Ten sinalado nalgunha ocasión que precisamente en certos armoriais aparece un escudo para o rei da Galiza e outro para o rei de España. Que significación política tiña naquela altura este símbolo para un monarca ou unha realidade política contar cun escudo?

Pois contar cun escudo para designar un territorio, reino ou ducado era sobre todo diferencialo do seu contorno próximo e identificalo cunha igualdade de realidades socio-políticas e culturais. Aínda que daquela Galiza xa está rexida por monarcas casteláns, do que non hai dúbida é da súa particularidade en moitos eidos, incluso os literarios, lingüísticos e relixiosos. Non son un nin dous os manuscritos nos que se ve un escudo para España e outro para Galiza, identificándose aquela –evidentemente– cos reinos de Castela e León, pois nos mesmos armoriais tamén se diferencian Portugal, Navarra e Aragón, no que atinxe á Península, así como Escocia, Gales e Inglaterra con respecto ás illas británicas. Isto non é nada estraño, pois a propia Historia Compostela, redactada na primeira metade do século XII, tamén distingue o reino de Hispania do de Gallaecia. Nesta liña, recomendamos que se consulten as máis relevantes obras literarias medievais vinculadas coa temática cabaleiresca, ou incluso artúrica. Boccaccio, Dante Alighieri, Robert Wace, Robert d’Orbigny, René d’Anjou, Jean d’Outremeuse, Geoffrey Chaucer, Ludovico Ariosto... tíñano claro con respecto ao noso país. Cumpriría, asemade, revisar as investigacións de Henrique Harguindey, pioneiro neste tipo de estudos xunto con Vicente Almazán, para darse conta de que se nos ocultou durante moitos anos na Península Ibérica.

—O seu traballo debrúzase na proxección internacional do escudo da Galiza, moi especialmente no espazo europeo. Que países acollen máis representacións do mesmo?

É difícil sabelo pois aínda queda moito por investigar, o meu traballo non deixa de ser unha “pica en Flandres”. Porén, considero que no referente a emblemas grafados en pezas artísticas como esculturas, edificios, trípticos... o maior número consérvase en Flandres e Walonia. Porén, no que atinxe a manuscritos quizais leve a palma Francia, e no que respecta a obras impresas sen dúbida Babiera é un dos estados alemáns onde Galiza posúe maior preponderancia. Así e todo, de querermos analizar a importancia do noso país en pezas como gravados, isto resulta bastante difícil. Obras de Durero como doutros autores císcanse por diversos recunchos do mundo.

—A que responde a existencia de tantos escudos da Galiza en Europa, mesmo no século XVI, cando o país xa fora incorporado de xeito subordinado a Castela?

Galiza tivo a sorte de ser un país ao pé do Atlántico, cun contacto comercial moi intenso desde épocas ben antigas e potenciado no medievo. Á Galiza, ademais, dirixíanse varios camiños de peregrinación xacobea e ese reino, alén de ser o máis antigo de Europa, foi protagonista de importantes episodios históricos. Pensemos por un intre o que significou para a Península Ibérica o século XII galego. Pensemos nos monarcas Fernando II e Afonso VIII, pensemos no Pórtico da Gloria e de paso na lírica trobadoresca galega. Pero tampouco esquezamos que a nosa nobreza defendeu en moitas ocasións causas políticas contrarias ao que logo había imperar en Castela. Fomos dominados, sen dúbida, pero nunca definitivamente conquistados. Galiza, pese a quen lle pese, segue viva en Europa.

—De todos as representacións dos escudos galegos realizadas a partir do século XVI nos países europeos, con cal quedaría?

Non teño ningunha dúbida. Quedaría co escudo galego conservado nunha das fachadas de Sint-Jorishof, en Gante, datado cara a 1584. Porén, ao contemplar en todo o seu esplendor a lareira ou cheminea do Palais du Franc, en Bruxas, dáste conta de que fomos e seguimos a ser unha parte importante da realidade europea. Nesta obra de arte esculpida en 1529 en madeira de carballo, alabastro e mármore, Galiza aparece representada en tres escudos, todos de fermosísima elaboración. Mais aquel no que un home vexetal terma dunha grilanda con froitas e en cuxo interior fica o cáliz coas cruces galegas, esa peza maniféstase como algo sublime. Curiosamente, deses escudos –labrados no Palais du Franc– realizáronse copias que durante un tempo foron conservadas (e quizais tamén expostas) no Museo do Luvre. 

—Sorprende a gran cantidade de mostras de escudos do país nos diversos reinos europeos e a súa escaseza na propia Galiza, cal é a súa explicación para isto?

É obvio que na Península, durante séculos, mandaba Castela, mais en Europa non. Esta non estaba sometida aos designios dos reis daquela coroa e menos aínda a exercer unha política represora cos símbolos do noso país, Galiza nunca foi un tabú para Europa. Porén, non podemos reducir esta ausencia exclusivamente á sinalada realidade, tamén influíron en gran medida as remodelacións arquitectónicas levadas a cabo nun bo número de cidades e vilas galegas. Modernizadas as cidades medievais e caídas as súas murallas só ficarían cascallos, feridas na pedra e pezas arqueolóxicas. Velaí se conservan os brasóns da Galiza en Betanzos, Viveiro, Mondoñedo e A Coruña, aínda que estes son datábeis no século XVI... Mais que pasou en Compostela? Existiron emblemas galegos no antigo panteón real da catedral de Santiago antes de que este fose trasladado a finais do século XVI? Seguramente, aínda que resulta curioso tamén que na diplomática medieval non apareza o escudo da Galiza decorando algún pergameo.

Quizais agora teriamos que retomar o argumento inicial desta resposta. Mais debemos afirmar que na heráldica de determinadas familias galegas aparece o cáliz e a hostia nalgunha ocasión. Serven de proba os escudos tanto de Estevo de Xunqueiras (conservados na Pobra do Caramiñal) como o de Martiño Rodríguez de Xunqueiras (que se custodia no Museo de Pontevedra). Neles esculpiuse un león que terma coas súas gadoupas dos citados símbolos: cáliz e sagrada forma. E estamos falando de tres pezas de finais do medievo. Aínda que deste asunto entende bastante máis o historiador Antonio González Millán, a el débense as primeiras investigacións sobre esta materia. Ademais cómpre valorar se escudos co cáliz e hostia existentes nalgúns edificios como a Casa do Arco, en Laxe, construída no medievo polos Condes de Altamira, teñen ou non relación co emblema galego.

—Seguindo nesta mesma liña, ten afirmado que tampouco é igual a representación do escudo na Galiza e no ámbito peninsular que no espazo europeo. Cales son esas diferenzas e como explica que aquí apareza ligado aos símbolos de Castela e en Europa non?

Nos territorios peninsulares gobernados polos Reis Católicos a primeira representación do noso símbolo –de momento– recóllese nunha obra de Pedro de Gracia Dei, rei de armas dos citados soberanos de Castela e Aragón. Titulada Blasón General de todas las insignias del Universo, nela gráfase por 1489 o faro brigantino como emblema galego. Esta variante propágase con certo impulso polo reino de Portugal. Tempo máis tarde Diego Hernández de Mendoza escribe un libro de armas, que remata por 1497, no que aparece o cáliz con tapa –tan esparexido por Europa– para identificar o noso país, aínda que tamén achega que se pode simbolizar cunha custodia.

—Falamos até agora basicamente do escudo da Galiza no espazo europeo pero tamén hai representacións do mesmo no continente americano a partir do século XVIII. Que destacaría destas versións?

Quizais o primeiro testemuño galego vinculado con ultramar teña que ver coa obra titulada De insulis nuper inventis Ferdinandi Cortesii ad Ca¬rolum V, na que se lanzan as cartas de Hernán Cortés. A segunda edición, que ve a luz en Colonia en 1532, conta cunha multitude de escudos na cuberta, entre eles o galego. Recordemos que por terras mexicanas emprendera as súas conquistas o citado militar. Nesta xeografía publicarase, séculos máis tarde, a obra Galicia, Reyno de Cristo Sacramentado, onde un bo número de gravados con emblemas do noso país iluminan unha obra que poderiamos clasificar como relixiosa, histórica e protonacionalista galega. 

Na capital cubana destacan os brasóns que aparecen fincados tanto no antigo Centro Galego como na Casa da Beneficencia, institución asistencial da colonia galega alí residente. E se desde o Caribe saltamos á Arxentina podemos certificar a presenza dun escudo galego de grandes proporcións coroando –desde finais do século XVIII– un dos altares da Igrexa de San Ignacio de Loyola de Bos Aires. Xusto debaixo del fica un Santiago Apóstolo esculpido por Xosé Ferreiro. 

Na Escola Nacional de Náutica desa cidade, e máis concretamente no Museo Marítimo Ingeniero Cerviño, tamén se custodia outra peza magnífica. Refírome á bandeira que o Terzo de Galegos fixo ondear na batalla contra os Highlanders escoceses cando estes pretendían tomar a cidade bonaerense; a mesma bandeira daquelas persoas que –constituídas como batallón de voluntarios urbanos da Galiza– se opuxeron ao vicerrei imposto por Castela. Logo chegaría a independencia arxentina, despois a galeguidade, eufemismo –sen dúbida– dun evidente sentimento nacional galego.

comentarios