Nós Diario ofrece un libro de Héitor Picallo nunha oferta para subscritores a un prezo excepcional

O escudo do Reino da Galiza podes telo na túa man

Dentro da colección Monografías de Nós Diario preséntase o libro O escudo do Reino da Galiza. Unha (re)visión (inter)nacional da autoría do investigador Héitor Picallo. Terá un prezo especial para subscritoras de 7,90 euros e, para as persoas que cubran a cartilla que sae hoxe co xornal, de 15,90 euros.
Dentro da letra 'n' capitular, no 'Sherborne Missal' (1399 Ca.), aparece o escudo. Na esquerda lese "Rex Galacie". (Foto: Nós Diario)
photo_camera Dentro da letra 'n' capitular, no 'Sherborne Missal' (1399 Ca.), aparece o escudo. Na esquerda lese "Rex Galacie". (Foto: Nós Diario)

Despois do éxito que tivo en setembro de 2020 o coleccionábel do O escudo do Reino da Galiza distribuído co xornal Nós Diario houbo moitas peticións para que Sermos Galiza elaborara unha publicación específica. Así é que na próxima semana sae á rúa un libro monográfico onde se recolle a investigación ampliada e corrixida. O periplo está guiado por Héitor Picallo (Cuntis,1974), investigador, ilustrador e autor dunha ampla bibliografía onde a cuestión histórica e patrimonial ocupan un lugar de relevo.

Un escudo presente desde o século XIII

O libro editado -con 224 páxinas a toda cor e máis de 150 ilustracións- amplía en 8 capítulos o traballo inicial do coleccionábel de hai un ano. Facendo unha revisión do publicado para ofrecer unha visión máis completa da orixe do escudo galego.

As primeiras versións coñecidas do escudo do Reino da Galiza datan dos anos finais do século XIII. Así no Segar´s Roll, un armorial -libros de armería con descrición de emblemas heráldicos- inglés elaborado arredor de 1282 aparecen recollidos 24 escudos reais, entre eles os de España, Navarra, Portugal, Aragón ou Galiza, representado “en campo azur, tres cálices de ouros ben ordenados”.

O traballo conta cun preámbulo traducido a sete idiomas: alemán, español, catalán, euskera, francés, inglés e xaponés e un prólogo de Johanes Kabatek, catedrático da Universidade de Zúric onde se ocupa da cátedra de Lingüística Iberorrománica e de Lingüística Románica. É membro correspondente da Real Academia Galega desde 2002. A maiores, o libro, ten un epílogo asinado por Carlos L. Bernárdez, licenciado en Xeografía e Historia e recoñecido ensaísta no campo literario e artístico.

O escudo tamén aparece de maneira diferente na Galiza e no estranxeiro. Así, mentres no noso país amósase incorporado ás armas do Reino de Castela desde o século XVI, en Europa figura só, situado en pé de igualdade con outras posesións territoriais do monarca. A explicación desta realidade apunta a motivos claramente políticos e informa sen ningún xénero de dúbidas sobre a natureza e a forma de incorporación da Galiza á coroa castelá.

Un escudo de orixe laica

Os motivos relixiosos non están presentes nas primeiras representacións do escudo galego. A respecto do cáliz, o deseñador Pepe Barro afirma que “os cálices medievais non son só obxectos litúrxicos, son pezas comúns nas mesas da nobreza –o resto da poboación bebía en cunca–, logo debo concluír que o primeiro escudo da Galiza é absolutamente laico”. Nesta liña, Héitor Picallo documenta que os primeiros escudos onde os cálices teñen unha significación relixiosa datan da década dos corenta do século XV, sinalando como exemplos o Armorial de Redinghoven de Múnic, o Armorial Bergshammar de Estocolmo e o Armorial Gymmich de 1445, conservado na Biblioteca Real de Bélxica. As cruces non aparecen no escudo da Galiza até a segunda década do século XVI.

A presenza internacional do escudo do Reino da Galiza

A importante presenza do escudo en Europa dá conta da dimensión internacional do Reino da Galiza. Se a cartografía árabe ou europea achega até o século XV unha Galiza diferenciada de España, denominación reservada durante a maior parte da Idade Media para referirse á área peninsular de hexemonía musulmá, a heráldica informa do relevo internacional da Galiza e da súa consideración como unha realidade que preserva aínda un carácter diferenciado nas posesións dos reis da casa de Austria.

 

Unha oferta especial para persoas subscritoras

Por só 7,90 euros -incluíndo no prezo o envío ao domicilio- remitindo un correo electrónico cos datos persoais a [email protected]

Unha oportunidade para quen merque Nós Diario

Por 15,90 euros e cubrindo unha cartilla con 5 cupóns da semana do 21 ao 25 de setembro, o libro poderase adquirir no punto de venda do xornal.

Un libro esencial a disposición do público

A un prezo xeral de 29,90 euros a publicación estará dispoñíbel nas librarías de toda a Galiza para que todas e todos poidamos gozar coa súa lectura

Comentarios