1936: o imperio da delación e da roubacha en Tabeirós-Montes (II)

"Eran malos de raza e de inclinación"

Nesta bisbarra, os abusos de toda caste tiveron na delación un soporte necesario que, a maiores, contribuíu a alcanzar outro obxectivo dos franquistas: desartellar mediante a desconfianza unha sociedade na que as diferenzas políticas non impedían o acontecer comunitario. A memoria popular retivo arquetipos de “especialistas” na delación e con maior intensidade canto máis visíbeis se facían na súa función de fisgar e controlar a vida diaria. 
O xefe das milicias falanxistas da Consolación na Estrada, Alfonso Castro Pena co seu alumnado.  Arquivo Xoán Carlos Garrido
photo_camera O xefe das milicias falanxistas da Consolación na Estrada, Alfonso Castro Pena co seu alumnado. (Foto: Arquivo Xoán Carlos Garrido)

Os delatores

En primeira instancia, transcendeu a figura de tres mulleres, Ramona Gutiérrez, de Soutelo; Carmen Díaz, de Cerdedo; Paulina Bugallo, de Outeiro-Quireza. As tres, de posición económica acomodada, eran propietarias de estabelecementos públicos (estanco-taberna, ferraxaría, taberna-tenda, respectivamente) onde podían exercer con facilidade aquel cometido; no caso de Paulina, o seu local mesmo serviu de “checa” para latrocinios, malleiras e cortes de pelo a veciñas, nos que ela mesma participaba ataviada, ás veces, coa farda masculina de falanxista.

As dúas primeiras, mulleres de intenso activismo relixioso, estaban emparentadas entre si e cos Gutiérrez e Ballesteros cerdedenses e souteláns; segundo fontes orais, exerceron supostamente tanto de delatoras como de instigadoras dos atropelos dos milicianos da FE, de modo que a lembranza popular do seu papel perpetuouse no tempo. Así, en 1949 a Garda Civil de Soutelo incautou os guerrilleiros que pasaron polas armas ao falanxista José Couceiro e á súa dona, unha relación de presuntos represores locais na que figuraba Ramona co seguinte apuntamento: “hizo tanto daño con la lengua como su hijo con la pistola”.  

Ao cabo, denunciar por calquera motivo foi propio das delatoras, que contribuíron a unha extensa socialización do castigo: así, un veciño de Figueiroa foi sinalado pola fundadora da Sección Femenina cerdedense, Carolina Bugallo, por zafar dun peditorio.

Como resultado, o delegado gobernativo impúxolle unha multa de 250 pts.; para pagala, debeu vender dúas vacas. Pola súa banda, Paulina mesmo denunciou unha veciña do Outeiro porque o seu carro apenas rozara o vehículo co que os facciosos facían as súas correrías. 

Noutro ámbito, en Cerdedo houbo un feixe de cidadáns “de orden”, todos eles patriarcais cabezas de familia noutrora partidarios de RE, que exerceron como testemuñas de cargo contra veciños sometidos a Consejos de Guerra ou Expedientes de Depuración. Os nomes de Ramón Cortizo, Perfecto Sieiro, Aurelio Varela ou Gervasio Bugallo, entre outros, aparecen nos sumarios; neles, acusaron xente coa que tiñan trato cotiá de militar nas esquerdas e participar na resistencia contra o golpe, con nefastas consecuencias para os afectados.

Porén, neste concello a pirámide delatora, cimentada nos preceptivos certificados de conduta solicitados a cregos, alcaldes e Garda Civil, estivo representada polo párroco da vila Ventura Pérez e polo garda Maceiras, destacados pola virulencia dos seus partes que determinaron tanto as conclusións dos fiscais ou instrutores dos expedientes, como as duras resolucións aplicadas. En Soutelo, o activismo delator do crego Picón tamén foi notorio, pois no albor de agosto acusou Alfredo Iglesias de masón, da clausura da igrexa de Santa Mariña de Presqueiras e de propagar o comunismo no municipio.  

Porén, o talante acusador dalgúns cregos non se limitou á emisión de informes para os sumarios xudiciais, senón que fixeron directamente as acusacións aos delegados gobernativos: está documentada a paranoica denuncia duns 80 veciños e veciñas de Castro por parte do párroco Jesús Rodríguez Anllo que, mesmo, non tivo reparo en incluír na listaxe datada o 29 de maio de 1938 ao cabo da Garda Civil Avelino Sánchez e a persoeiros da dereita cerdedense, tal que o ex alcalde Caramés ou o médico Perfecto Lois. 

Se queres continuar coa historia, só tes que mercar Nós Diario mañá. Estará dispoñíbel nos quiosques ou librerías pero tamén na nosa loxa online. Xa estás farta ou farto de ter que ir todos os días a correr para que non se esgote o xornal? Subscríbete dunha vez! Podes facelo á versión en papel ou á versión para a súa lectura na nube.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios