Unha aproximación aos vitimarios

1936: un verán de inferno na Terra de Montes pontevedresa (I)

Para referirnos aos represores nesta bisbarra, cómpre atender ao devalar das dereitas. Tras outubro de 1934 e logo da vitoria da Fronte Popular, este espazo político encetou un acelerado proceso de radicalización. En Cerdedo, esgotado o tempo do Goberno municipal do Partido Radical (1934-35) herdeiro do vello caciquismo “riestrista”, todo o capital político daquel e tamén dos carlistas será fagocitado por Renovación Española (RE), mercé ao influxo de Víctor Lis Quibén1. 
Xuntanza da xefatura provincial de Falange Española de Pontevedra presidida por Manuel Castro Pena.  Vida Gallega
photo_camera Xuntanza da xefatura provincial de Falange Española de Pontevedra presidida por Manuel Castro Pena. (Foto: Vida Gallega)

Os "camisas viejas"

Os “camisas viejas” falanxistas agromarán tanto en Cerdedo como en Soutelo de Montes en acomodadas familias dereitistas, vinculadas en distinto grao ao poder municipal da Restauración: os irmáns Manuel, Luis, Francisco e Ángel Gutiérrez Torres, emparentados con Carmen Díaz, viúva do alcalde (1920-23) Serafín Sieiro Moreira; Jesús Taboada Cachafeiro, fillo do rexedor (1927-28) José Taboada Mouteira; Antonio Sieiro Giadás, neto do ex secretario do concello José Giadás Otero; Julio Bugallo Cachafeiro, alicerce dos Flechas y Pelayos en Quireza, familiar directo de Secundino Bugallo Sieiro, secretario municipal até a Fronte Popular... Como contrapunto, nesta Falange (FE) primixenia tamén houbo afiliados de orixe humilde, caso do construtor da Ínsua, Gerardo Cadavid, ou do xornaleiro radicado en Quireza, Ramón Bao, persoa de pésimos antecedentes2.  

En Soutelo seguiuse o mesmo patrón: os primeiros falanxistas foron, xunto co crego da Madalena Aquilino López Picón, os irmáns Ángel e César Ballesteros Gutiérrez, curmáns dos Gutiérrez de Cerdedo e pertencentes a unha abastada familia, así como os transportistas José e Vicente García Dapena, xunto co mestre José Couceiro Taboada. Mentres, en Forcarei os pioneiros foron o canteiro José Vilaboa Escudero e o mestre Francisco Filgueiras Gulías. 

No devalo republicano, este fato de fascistas contará coa colaboración a cada máis estreita de mozos dereitistas procedentes das JAP (Juventudes de Acción Popular) en accións que comezaban a ter un aquel violento, caso da tentativa de asalto á Casa do Pobo de Castro, a rotura de pasquíns do Estatuto en Cerdedo ou un incidente con esquerdistas de Figueiroa en Baloutas.

Daquela, unha vez que a Guardia Civil domina Cerdedo o 21 de xullo, algúns deles vanse incorporar de contado á FE, caso de Nilo Sieiro de Castro, Manuel Camba de Pedre ou do cerdedense José Caramés Giadás, fillo do ex alcalde Caramés.

Ademais, durante os primeiros tempos da guerra a FE cerdedense continuou a recibir achegas procedentes de RE; pola súa significación posterior nas tropelías, citaremos a tendeira de Outeiro-Quireza, Paulina Bugallo, e a Bernardino Torres ‘O Ferrador’. Naquel ano, pois, FE contaba con 60 afiliados en Cerdedo, 52 en Forcarei e 54 en Soutelo, aos que se deberían sumar a Sección Femenina e os Flechas. 

Canto á Guardia Cívica ou Somatén, ficou conformada en Forcarei a partir do 22 de xullo e na capital cerdedense poucos días despois; no primeiro concello, o delegado gobernativo Sabino Mariño impulsou a súa creación e armamento por parte da Garda Civil, contando coas armas requisadas aos esquerdistas3. Na súa composición tamén albiscamos quer persoas de procedencia social acomodada, quer xente sen oficio estábel: “homes do aire”, acaída expresión que definía os cerdedenses Laurentino Barros, Secundino Horta ‘Lapote’ ou ‘Chan da Vela’, implicados nas accións punitivas.

Porén, as actividades dos “cívicos” estiveron supervisadas polos falanxistas, que ocuparon os postos de responsabilidade da milicia: eis, Paco Filgueiras e José Pérez, en Forcarei; o mestre Secundino Jorge e o comerciante Antonio Troitiño, en Cerdedo; José Couceiro e José García Dapena en Soutelo. 

Se queres continuar a lectura, poderás atopar o texto completo no coleccionábel 'Os nomes do terror' integrado no teu Nós Diario da quinta feira (de todos os días de terzas a sextas). Faite co novo capítulo no quiosque ou merca a versión dixital. Se aínda non es subscritora ou subscritor, non perdas máis tempo!

Comentarios