A Deputación de Pontevedra lembra as vitimas do 36 como "se fose hoxe"

Un proxecto fotográfico do organismo provincial reúne persoas actuais coas que foron represaliadas co golpe de 1936.
Montse Fajardo, á esquerda, e María Ortega, á dereita (Foto: Nós Diario).
photo_camera Montse Fajardo, á esquerda, e María Ortega, á dereita (Foto: Nós Diario).

A Deputación de Pontevedra presentou esta sexta feira a súa campaña de Memoria Histórica 'E se fose hoxe?', un proxecto fotográfico que pretende homenaxear ás vítimas do golpe de 1936 que defendían á liberdade.

A iniciativa coloca a persoas actuais  no lugar de quen ocupaba daquela o seu mesmo cargo, vivindo as diferentes situacións de represión que se sufriron tralo alzamento: asasinatos, exilios, incautacións, vexacións sexistas, represións económicas ou agochamentos.

As encargadas de presentar a campaña foron a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, e a técnica provincial, Montse Fajardo. Ortega destacou que con este proxecto “impactante” quere dar a coñecer ás vítimas dunha maneira máis humana para que “a poboación en xeral, e a mocidade en particular, entendan que non eran distintas a nós”. 

A técnica de memoria Montse Fajardo explicou que para aparecer na campaña buscáronse persoas que representasen distintos tipos de represión. Así, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores representa ás persoas que tiveron que meterse nun tobo para salvar á vida, como Manuel García Filgueira, alcalde de Pontevedra no momento do golpe que estivo trece anos agochado, desde xullo de 1936 ata 1949.

Carmela Silva lembra ao presidente da Deputación era Maximiliano Pérez Prego, que viu suspendido o seu xuízo e morreu no Hospital –tras enfermar no cárcere- antes da conclusión do seu consello de guerra. Luís Bará, deputado no Parlamento galego lembra a Bibiano Fernández Osorio-Tafall –tamén presidente da Deputación- que no momento do golpe era deputado e a súa historia reflicte moi ben o exilio, porque non volveu ver a súa familia.

Seguindo co exilio, o ilustrador Kiko Da Silva representa a Castelao e a fame e as penurias económicas que pasou. Na mesma liña, Cano Paz , libreiro da Libraría Paz, representa a incautación de bens e en concreto ao seu avó, Ramiro Paz, a quen fusilaron e logo quitaron a imprenta á súa familia.

O proxecto contará cunha exposición que se inaugurará diante do Concello vello o 5 de xuño ás 19 horas.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios