CONTRACULTURA

Susana Villaverde: "Escribir sobre a memoria histórica é unha forma de coñecer máis a miña avoa"

Susana Villaverde, alumna da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) da Galiza, foi galardoada co premio do Certame de Microteatro de Memoria Histórica -impulsado pola Deputación de Pontevedra e pola ESAD- pola obra Espigas negras, para a que se baseou nos testemuños orais da súa familia.
 
Susana Villaverde está rematando a súa formación na Escola Superior de Arte Dramática da Galiza. (Foto: Cedida)
photo_camera Susana Villaverde está rematando a súa formación na Escola Superior de Arte Dramática da Galiza. (Foto: Cedida)

Cal é o comezo de Espigas negras?

Eu xa tiña pensado presentarme ao Certame de Microteatro de Memoria Histórica porque é unha temática que me interesa e coa que estou cómoda. Penso que cando escribo ou cando estou creando sempre busco esta visión histórica desde o persoal, desde as mulleres e tamén desde a historia da miña familia. É saber de onde veño para situarme ante as circunstancias. 
A miña nai contárame que a miña bisavoa tiña unha panadaría na aldea, perto de Lalín, e durante os anos do racionamento, como non chegaba o pan, o que facían era cocer máis pola noite para que non as denunciaran. O que ocorría é que se a Garda Civil vía o fume saír do muíño ían alí e elas dábanlles parte dese pan que estaban facendo, porque, claro, os corpos represores tamén estaban a pasar fame. 

A partir disto comecei a investigar máis sobre o estraperlo, o racionamento e mesmo sobre o pan aquí, na Galiza, e cheguei á historia da revolta das mulleres do Saviñao  [comarca de Terra de Lemos] en 1946. Pareceume un feito moi interesante e, así, unín ambos os relatos, incluíndo tamén a figura do "Piloto", do que eu xa sabía e que é o último maquis coñecido na Galiza antifranquista. 

Como foi ese proceso de documentación?

O certo é que se me fixo moi ameno. Todos os procesos están marcados por unha crise, tamén á hora de escribir. E, neste caso, decidín aproveitar o Nadal para facelo, que estaba máis tranquila e centrada, e mostreime a min mesma que podo crear sen sufrimento. Parece unha parvada, mais para min é dicir bastante. 

Ademais, aínda que non penso que sexa un feito tan coñecido, si que hai moitos recursos en liña. Existe un estudo de María Jesús Souto Blanco, en concreto, que me serviu moito para a documentación sobre o que ocorreu no Saviñao e tamén hai bastantes noticias, polo que puiden contar con bastantes ferramentas á hora de documentarme. Pola parte da miña familia, aínda que si que tirei bastante de historias que se contan na casa, pregunteille á miña nai se coñecía máis acontecementos como o da panadaría, mais a súa resposta foi que en realidade non se falaba tanto deste tipo de cousas. 

A min teríame gustado preguntarlle á miña avoa, que tamén foi unha das razóns polas que escribín a peza. Ela naceu precisamente en 1936 e eu teño un montón de preguntas e curiosidades sobre eses anos, como viviu a posguerra ou cando tivo que emigrar, por exemplo. Agora xa non lle podo preguntar porque faleceu hai uns anos. Escribir sobre memoria histórica é unha forma de intentar coñecer máis a miña avoa.

Precisamente, aínda hai moitos silencios arredor da memoria histórica.

Aínda permanecen, si. Dunha forma ou doutra, foron anos moi duros, ben fose pola represión ou polo racionamento e a pobreza. Hai moita xente que non quere falar desas cousas ou que xa non se lembra. E tamén hai moitas persoas que xa non están vivas, porque evidentemente cada vez afastámonos máis daqueles tempos. Por iso agradezo os recursos que fun atopando en liña para documentarme, que foron bastantes.

Ademais, agradezo poder ir rescatando o que se falaba na casa, aínda que evidentemente hai unha parte que é ficción, por exemplo, ao conectar feitos que non estaban relacionados. Supoño que todas as creadoras precisamos atopar nexos comúns e, para min, remitir ao que coñezo, á miña familia, ao íntimo, ás cousas da casa..., todo iso resultábame importante. Eu non son quen de escribir se non é desde aí, aínda que fale de cuestións afastadas a min porque a vida privada tamén é política e iso é algo que me interesa moito. 
Nun futuro gustaríame poder representar este texto, quizais o ano que vén de cara ao meu traballo de fin de grao na escola, e facelo un equipo con máis persoas.  

Comentarios