Unhas xornadas da Deputación de Pontevedra lembrarán a Conde Corbal

A institución presentará un libro con 88 gravados sobre o golpe de estado ademais de contar con palestras e unha mesa redonda.
Presentación do Centenario de Xose Conde Corbal o pasado mes de marzo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carmela Silva e María Ortega na presentación do Centenario de Xose Conde Corbal o pasado mes de marzo (Foto: Nós Diario).

A Deputación de Pontevedra realizará esta sexta feira e o sábado unhas xornadas que, baixo o nome de 'Arte e Memoria', renderán homenaxe ao artista galego Xosé Conde Corbal.

O salón de plenos do Pazo Provincial acollerá o 21 de Abril, da man do investigador Antón Mascato e da historiadora Aloia Ínsua, a presentación dunha edición de ‘luxo’ editada pola Deputación con reproducións  de 88 gravados de Corbal. Baixo o título ‘O fardel da memoria de Conde Corbal’, recolle tamén comentarios de especialistas, entre elas a directora de Nós Diario, María Obelleiro ou os historiadores Héitor Picallo e Dionisio Pereira

Tamén se abrirá no vestíbulo do Pazo Provincial a exposición ‘O fardel da memoria de Conde Corbal’, cunha selección de láminas das máis representativas da súa obra en relación coa memoria histórica galega.

Será unha mostra que retomará a que se fechou no Museo do Pobo Galego nos anos 80. 

No apartado dos relatorios falará sobre a obra gráfica de Corbal, Xosé Antón Castro e Ángeles Tilve, nunha xornada que rematará coa proxección da película 'María Casares. A muller que viviu mil vidas', coa intervención previa do seu director, Xavier Villaverde

O sábado a actividade estará centrada na relación da arte e a memoria galegas. Ese día falarán Rosario Sarmiento e Carlos Bernárdez antes dunha mesa redonda na que participarán Belén Constenla, Miguel Anxo Fernández, Patricia Arias e Kiko da Silva. A programación finalizará coa dramatización dun texto sobre María Casares

Conde Corbal foi discípulo de figuras como Vicente Risco e, segundo persoas especialistas, a súa obra ‘O fardel de guerra’, en relación á memoria histórica, está á altura dos ‘Álbumes de guerra’ de Castelao.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios