venres 24/09/21
Día da Galiza Mártir

Concorrida homenaxe a Bóveda, un mártir asasinado polas súas ideas "de progreso" e o seu "amor á Galiza"

Familiares de Alexandre Bóveda e representantes políticos e da sociedade galega homenaxean o ilustre galeguista no 85 aniversario do seu asasinato polas tropas fascistas.
Homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira, nesta terza feira, con Amalia (a súa filla) no centro da imaxe (Foto: Europa Press).
Homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira, nesta terza feira, con Amalia (a súa filla) no centro da imaxe (Foto: Europa Press).

"Ouh, Alexandre Bóveda, meu irmao, / pai desta patria triste, escura. / ¡Invoco a Rosalía, a Castelao...! / ¡Nomeo a vida túa, noble e pura! / Ouh, Alexandre Bóveda, semente, / colleita fiel de lealdade: / ¡se vive Galiza e a súa xente / a túa morte non pode ser verdade!". Con estes versos lembraba en 1971 o poeta Manuel María ao ilustre político galeguista Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira (Poio) polas tropas fascistas o 17 de agosto de 1936.

Nesta terza feira, no 85 aniversario do seu asasinato, doce municipios galegos renderon homenaxe ás vítimas dunha Galiza mártir cuxa memoria segue máis viva ca nunca. Unha data fixada polas persoas exiliadas na Arxentina en 1942 por mor da tráxica efeméride de Bóveda, mais convertida co tempo nunha xornada de lembranza de todas as e os represaliados no país.

"Seguimos a traballar pola institucionalización desta data, algo que xa apoiaron as deputacións de Lugo e Ourense e que agardamos que se aprobe cando volvamos trasladar esta cuestión ao Parlamento galego. Cada vez vemos unha maior pluralidade política [por vez primeira asistiu ao acto de homenaxe na Caeira o líder do PP de Pontevedra, Rafael Domínguez] e iso é esencial para normalizar o Día da Galiza Mártir", explica, en conversa con Nós Diario, o vicepresidente da Fundación Bóveda e neto de Alexandre, Valentín García Bóveda.

Lembra que nesta xornada non se conmemora a morte do seu avó, senón "as ideas que defendeu e que provocaron o seu asasinato". "Celebramos que non só Bóveda, senón moitos outros galeguistas deron as súas vidas pola democracia, e que foron represaliadas porque o fascismo precisaba rematar cunha serie de ideas e progresos sociais", sostén.

Por iso, cre que o máis positivo de outorgar un carácter institucional a esta data sería seguir os pasos do Día das Letras Galegas: "Escolleuse o 17 de maio en homenaxe a Rosalía de Castro, mais cada ano dedícase a unha persoa diferente e exponse a toda a cidadanía galega a súa obra e o seu legado. Bóveda non se pode desvincular do 17 de agosto, mais a intención desta xornada debería ser falarmos de Casal, de Suárez Picallo... O sufrimento non é un valor, máis si o son as accións que unha persoa fai en vida", di.

Aliás, salienta a importancia da memoria histórica porque "o franquismo instaurou un relato falso" do acontecido. "Unha sociedade cunha nova memoria terá tamén unha nova perspectiva de futuro", conclúe.

Urxen anular todas as sentenzas do franquismo

No acto institucional decorrido no monumento en lembranza de Alexandre Bóveda, na Caeira, participaron tamén diferentes personalidades políticas. A concelleira de Memoria Histórica de Poio, Margarida Caldas, denunciou que a Xunta e o Goberno estatal "seguen sen devolver o espoliado", a pesar da recuperación do Pazo de Meirás "grazas ao movemento civil galego". Tamén lamentou que "algunhas forzas políticas sigan exaltando o poderío fascista dentro das institucións ou impedindo que se enxuíce a Coroa".

Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, apuntou que "os inimigos da nación galega están máis preparados que antes, e agora o seu ataque é intelixente", ao tempo que instou a reflexionar sobre "por que a Galiza se deixa gobernar lexislatura tras lexislatura por xente sen respecto polo galego" e reivindicou a autodeterminación fronte á "submisión".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, salientou: "Esa xeración non foi derrotada, senón que vive en nós, no nacionalismo forte dun Bloque que é alternativa ao PP e que mantén o seu obxectivo dunha Galiza viva e próspera". Aliás, a deputada reclamou "saldar a débeda democrática" coas vítimas do fascismo, o que supón "rehabilitar a figura [de Bóveda] a través da anulación do xuízo sumarísimo e todas as sentenzas, expedientes e sancións ditadas contra cidadáns galegos por motivos políticos, de raza ou diversidade sexual".

"Todos os que queremos a Galiza temos que estar aquí, unidos ao redor dunha figura moi importante para o país", dixo Rafael Domínguez (PP), eloxiando unha persoa que "fixo moito por Pontevedra" e cuxo "único delito" foi "amar a Galiza".

comentarios