Día da Galiza Mártir

Concellos do Barbanza honran a memoria de veciños represaliados polo franquismo

Manuel Lustres Rivas e Ricardo Vilas Quintáns protagonizaron os tributos en Ribeira e Boiro

O responsábel local do BNG de Ribeira, Rafael Pazos, colocando un lazo na placa da rúa do xornalista represaliado Manuel Lustres Rivas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O responsábel local do BNG de Ribeira, Rafael Pazos, colocando un lazo na placa da rúa do xornalista represaliado Manuel Lustres Rivas. (Foto: Nós Diario)

Concellos da comarca do Barbanza renderon esta quinta feira, 17 de agosto, co gallo da celebración do Día Galiza Mártir, homenaxe ás persoas represaliadas durante a ditadura franquista.

O Concello da Pobra do Caramiñal realizou unha ofrenda floral na escultura da memoria  histórica localizada nos Xardíns Valle-Inclán, unha figura elaborada polo artista local Manuel Teira como homenaxe ás vítimas da ditadura franquista e para lle render tributo a quen loito e defendeu os principios da democracia.

Ofrenda floral polo Día da Galiza Mártir na Pobra do Caramiñal esta quinta feira (Foto: Concello da Pobra do Caramiñal).
Ofrenda floral polo Día da Galiza Mártir na Pobra do Caramiñal esta quinta feira (Foto: Concello da Pobra do Caramiñal).

Xunto con membros da corporación municipal, do tecido asociativo e da veciñanza, a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, manifestou que esta homenaxe non se centra unicamente en Alexandre Bóveda, senón que tamén se fai extensiva "a tódalas persoas que loitaron pola democracia e liberdade, especialmente tamén ás persoas da Pobra do Caramiñal, cunha mención moi especial e afectuosa a Manuel Hermo Vidal, tenente de alcalde da Pobra do Caramiñal, quen era ademais o alcalde substituto durante a sublevación militar fascista de 1936 e foi brutalmente torturado na nosa vila polos falanxistas e despois condenado a unha morte sempre inxusta. Sen eles, sen elas, non seriámo-lo que somos, nin estariamos hoxe aquí reunidas”.

O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, destacou o papel das institucións públicas para "honrar todas as persoas mártires da historia do pobo galego". “Por iso manter vivo o legado de Alexandre Bóveda é para o noso Concello unha obriga", declarou o rexedor.

Manuel Lustres Rivas 

Tamén en Ribeira, o BNG local rendeulle homenaxe a Alexandre Bóveda e a Manuel Lustres Rivas, nas rúas que ambos teñen na capital da comarca.

Lustres Rivas foi un político, xornalista e escritor ribeirense, vítima da represión do bando franquista durante a Guerra Civil. Nos primeiros días da guerra, foi detido na sede do xornal no que traballaba e encarcerado na illa de San Simón. En novembro de 1936 foi asasinado e o seu corpo apareceu nunha estrada próxima a Redondela, na comarca de Vigo.

Integrantes do BNG de Ribeira diante da placa da rúa que leva o nome de Alexandre Bóveda. (Foto: Nós Diario)
Integrantes do BNG de Ribeira e asintentes á homenaxe diante da placa da rúa que leva o nome de Alexandre Bóveda. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Ribeira, o nacionalista Luís Pérez Barral, interveu no acto, afirmando que “está no noso deber lembrar os acontecementos traumáticos do pasado e recoñecer o sufrimento dos que loitaron pola xustiza, a liberdade e os dereitos humanos”.

“A memoria histórica promove a comprensión das consecuencias da intolerancia, o totalitarismo e a violencia política”, engadiu Pérez, insistindo en que "aprender dos erros do pasado é fundamental para construír unha sociedade democrática e tolerante pero sobre todo para que eses tempos de barbarie non volvan producirse".

Ricardo Vilas Quintáns 

O BNG de Boiro fechou os actos da xornada no Barbanza cun tributo a Ricardo Vilas Quintáns.

Cada ano, os nacionalistas boirenses homenaxearon na rotonda de Cimadevila a persoa dalgún boirense que perdeu a súa vida defendendo os valores dunha convivencia democrática.

Desta volta, a persoa á que lembraron foi Ricardo Vilas Quintáns, un carpinteiro de Cespón, asasinado vilmente por 30 falanxistas, que o acusaron de ser un dos artífices do derrubamento da ponte Beluso e de ser afín ao Goberno local.

Vilas foi soterrado no cemiterio parroquial coa orde de que o seu nome non figure no lugar do seu soterramento. “Por iso”, afirma Xosé Deira, militante do BNG e ex alcalde de Boiro, “cremos que o seu nome debe saír á luz e recibir o recoñecemento merecido”. Vilas “non foi un traídor nin un rebelde, senón un home que actuou sempre convencido de que facía o que era bo para o seu pobo e para a convivencia veciñal”, sentencia Deira.

No acto, ademais do ex rexedor da localidade, tamén interviñeron Patricia Silva, concelleira do BNG en Boiro, e Luís Pérez, alcalde de Ribeira.  

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios