Actos e homenaxes por todo o país oficializan de feito o Día da Galiza Mártir

81 anos após a súa instauración polo exilio galego, a conmemoración do 17 de agosto mantense viva ao longo do país
Os actos e homenaxes decorreron e decorrerán en diferentes comarcas da Galiza. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os actos e homenaxes decorreron e decorrerán en diferentes comarcas da Galiza. (Foto: Nós Diario).

En 1942, hai 82 anos, a Irmandade Galega de Bos Aires instauraba a data do 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir. O día tiña un claro simbolismo: o 17 de agosto de 1936 o nacionalista Alexandre Bóveda era asasinado polos franquistas na Caeira (Poio). A data, que homenaxea o líder do Partido Galeguista, e todas as persoas que sufriron a represión franquista segue, porén, sen ser oficial. A pesar das peticións neste sentido de deputacións como a de Lugo e Ourense, de concellos de diferente cor política e de organizacións memorialistas coa Fundación Alexandre Bóveda á cabeza, o Parlamento galego —onde o PP ten maioría absoluta— non 
deu o paso. 

A data consolidouse como homenaxe nacional a todas as represaliadas

Mais ano tras ano, actos, xornadas e homenaxes seguen a se realizar por toda a Galiza organizados e impulsados por entidades locais, asociacións da memoria, organizacións políticas, colectivos veciñais ou agrupacións culturais ao abeiro do 17 de agosto. Unha oficialización social, e de facto, do Día da Galiza Mártir.

Epicentro dos actos

Á falta dun acto oficial e institucional do Goberno galego, A Caeira, en Poio, o lugar onde foi asasinado Alexandre Bóveda, actúa como núcleo dos actos do día. Organizado polo Concello de Poio e a Fundación Alexandre Bóveda, ás 13 horas, decorrerá o acto institucional principal no que intervirán Amalia Bóveda, filla do histórico político galeguista; representantes da Fundación Alexandre Bóveda; e o alcalde Ángel Moldes (PP). Estará presente o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. A este respecto, Luís Bará, deputado do BNG e investigador en memoria histórica, considera que "comeza a operación de branqueo dun PP que aniquilou todos estes anos a memoria histórica, aldraxou as vítimas do franquismo e vetou a oficialización da Galiza Mártir". 

En Pontevedra, decorrerá o acto cívico do Día da Galiza Mártir ás 19 horas, no cemiterio de Santo Amaro, organizado pola Fundación Alexandre Bóveda e mais polo Partido Galeguista e coa presenza, entre outros, do presidente do Parlamento, Miguel Santalices; do neto do homenaxeado, Valentín García Bóveda, e do vicepresidente da fundación, David Otero. Unha hora antes, a capela do citado camposanto acolle o acto de carácter relixioso. 

A Caeira volve ser o núcleo dos actos institucionais do 17 de agosto

Ás 20 horas a praza de Curros Enríquez acollerá o evento político nacional do BNG no que intervirán Irea Ferreiro, de Galiza Nova; Maite Tocino, alcaldesa de Pontecesures; e Manuel Lourenzo, rexedor de Soutomaior e membro da Executiva Nacional do BNG. Previamente, ás 15 horas, terá lugar o tradicional xantar de Galiza Nova. 

Tamén hoxe lembrarán na cidade de Lugo o Día da Galiza Mártir nun acto organizado polo Concello no Vello Cárcere. 

Na comarca do Barbanza hai diferentes actos. Na Pobra do Caramiñal, hoxe, o Concello realizará unha ofrenda floral, ás 12.30 horas, na escultura da memoria. En Boiro, hoxe, o BNG homenaxeará, como cada ano, unha persoa represaliada. Desta vez, Ricardo Vilas Quintáns, ás 20.30 horas na rotonda de Cimadevila. Vilas Quintáns, carpinteiro de Cespón, foi asasinado polos franquistas cando tiña 42 anos. En Ribeira, os nacionalistas porán unhas lazadas nas rúas Alexandre Bóveda e Manuel Lustres Rivas. O 18, en Rianxo, Galiza Nova organiza un acto no lugar onde estaba o campo de concentración franquista. 

Tamén o 18 o Concello de Compostela realiza unha homenaxe institucional a Ánxel Casal, alcalde nacionalista da cidade que foi asasinado polos franquistas en agosto de 1936. Será ás 12 horas no Pazo de Raxoi. Esa mesma xornada, en Marín, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica organiza, coa intervención da xornalista Montse Fajardo, o acto anual de homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez, 'A Capirota', asasinada, como escarmento por ousar manifestarse en público contra o golpe franquista. O 18 haberá actos no Grove e en Oleiros, ambos os dous organizados polo BNG. 

Lembrando Casal, e todas as vítimas da represión, o 19 de agosto ás 12 horas na estivada da Ribeira, en Cacheiras (Teo), realizarase un acto institucional. Prevese a presenza de representantes institucionais dos Concellos de Arzúa e Compostela ademais de  membros da Asociación A Oliveira. A Gudiña toma o relevo 19 e 20 de agosto da man da entidade Os Torgueiros e as xornadas “Memoria, xustiza e reparación”. O 19 de agosto haberá un coloquio sobre a represión nas Frieiras e un concerto. O día 20, o cemiterio de Pentes acollerá unha homenaxe ao mestre Xosé Luís Bouza, mentres que o cemiterio do Castro será escenario da homenaxe a Asunción Casado. 

Ortigueira e Mañón darán abeiro entre o 23 e o 26 ás XIII xornadas “Memoria dun Tempo”, a cargo da asociación Nordés, coa presenza, entre outros, de Eliseo Fernández, Bernardo Penabade, Xurxo Souto, ou Claudio Rodríguez Fer. 

O día 19 o BNG de Cee (comarca de Fisterra) renderá homenaxe a Mercedes Romero Abella, mestra asasinada polo franquismo. O acto terá lugar na praciña do olvido e intervirán Serxio Domínguez Louro, portavoz do BNG en Cee; Rafael Mouzo Lago, ex alcalde de Corcubión; e Reyes Álvarez Mazariegos, neta de Mercedes Romero Abella. 

Tamén o día 19, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) e a Fundación Eira da Xoana organizan unha homenaxe ás vítimas da represión. As actividades terán lugar en Palas de Reis (comarca da Ulloa) e en Agolada (comarca de Deza).  

Algunhas das actividades foron previas ao propio día 17, como a de Sada, o día 11, unha ofrenda floral ás vítimas da represión organizada pola A.C. Irmáns Suárez Picallo. O día 13, decorreu en Pedre (Cerdedo-Cotobade) a Xornada de Memoria Histórica en Terra de Montes. O día 14, na Coruña, a Asociación Alexandre Bóveda conmemorou o Día da Galiza Mártir cun acto no que interveu o investigador e profesor da UDC Uxío-Breogán Diéguez, e o día 15 tivo lugar a homenaxe a Alexandre Bóveda e ás persoas represaliadas polo franquismo organizada polo BNG do Grove onde o monumento levantado na honra do que fora secretario de Organización do Partido Galeguista.


Castro Verde homenaxeou as persoas que loitaron por manter viva a memoria

No día de onte, en Motecubeiro (Castroverde, comarca de Lugo) e organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, tivo lugar unha homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo. O acto celebrouse a carón do monólito na memoria das persoas asasinadas polo fascismo, coincidindo co vinte aniversario da instalación do monumento e contou coas intervencións do vicepresidente da Deputación e responsábel de Memoria, Efrén Castro, e da deputada de Cultura, Iria Castro, ademais do historiador e escritor Xosé Manuel Sarille, autor do libro Polos fillos dos fillos (Candeia Editora, 2003), sobre a matanza de Montecubeiro, e familiar de vítimas do franquismo, e de Ricardo Gómez Polín, cronista de Castroverde.

O vicepresidente da Deputación encadrou a homenaxe dentro dos actos que se celebran no país ao redor do Día da Galiza Mártir, reclamando a institucionalización da data. Pola súa parte, Iria Castro puxo en valor o traballo asociativo, pois "as asociacións culturais vertebran e arman a sociedade con ideas, con cultura, con futuro. Iso foi o que intentaron eliminar con aqueles asasinatos, pero a chama quedou prendida".

O historiador Sarille sinalou que recuperar a memoria dos represaliados é unha necesidade de "toda a sociedade para que haxa saúde colectiva", mentres que Gómez reivindicou o coñecemento da historia para conseguir "unha sociedade libre".

Tamén decorreu onte en Pontevedra o "Roteiro pola Memoria das Mulleres" organizado pola asociación Mocidade Galega pola Memoria.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios