Día da Galiza Mártir

Poio honra a memoria de Alexandre Bóveda no lugar en que foi asasinado hai 87 anos

A localidade de Poio, lugar en que en 1936 foi asasinado o líder do Partido Galeguista, Alexandre Bóveda, lembrou o seu legado a tavés dun acto institucional conmemorativo neste Día da Galiza Mártir.
Participantes do acto institucional decorrido esta quinta feira, 17 de agosto, en Poio (comarca de Pontevedra) co gallo do Día da Galiza Mártir. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Participantes do acto institucional decorrido esta quinta feira, 17 de agosto, en Poio (comarca de Pontevedra) co gallo do Día da Galiza Mártir. (Foto: Nós Diario)

A localidade de Poio, lugar en que en 1936 foi asasinado o líder do Partido Galeguista, Alexandre Bóveda, lembrou o seu legado a tavés dun acto institucional conmemorativo neste Día da Galiza Mártir.

Organizado polo Concello de Poio e a Fundación Alexandre Bóveda, tivo lugar un acto institucional principal no que interviñeron Amalia Bóveda, filla do histórico político galeguista; representantes da Fundación Alexandre Bóveda; e o alcalde Ángel Moldes (PP).

Estivo tamén presente o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. A este respecto, Luís Bará, deputado do BNG e investigador en memoria histórica, considera que "comeza a operación de branqueo dun PP que aniquilou todos estes anos a memoria histórica, aldraxou as vítimas do franquismo e vetou a oficialización da Galiza Mártir".

81 anos despois

81 anos após a súa instauración polo exilio galego, a conmemoración do 17 de agosto mantense viva no lugar da Caeira, en Poio, onde os franquistas asasinaron Bóveda aos 33 anos de idade ao que acusaban dun delito de “traizón”.

Outras localidade da Galiza lembran tamén a figura de Bóveda e das persoas que loitaron contra o franquismo este 17 de agosto.

Localidades como Compostela onde se rende tributo a Ánxel Casal, alcalde nacionalista da cidade que tamén foi asasinado polos franquistas en agosto de 1936.

En Pontevedra, decorrerá o acto cívico do Día da Galiza Mártir, no cemiterio de Santo Amaro, organizado pola Fundación Alexandre Bóveda e mais polo Partido Galeguista e coa presenza, entre outros, do presidente do Parlamento, Miguel Santalices; do neto do homenaxeado, Valentín García Bóveda, e do vicepresidente da fundación, David Otero.

Tamén a praza de Curros Enríquez na cidade do Lérez acollerá o evento político nacional do BNG no que intervirán Irea Ferreiro, de Galiza Nova; Maite Tocino, alcaldesa de Pontecesures; e Manuel Lourenzo, rexedor de Soutomaior e membro da Executiva Nacional do BNG.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios