O Comité de Memoria de Celanova insta o Concello a retirar a cruz falanxista

"Se a unha árbore lle cortan unha parte da súa raíz, o seu crecemento vai ser deforme", di o PP local, que non respondeu á petición do Comité.
Cruz erguida en 1939 pola Falanxe no Outeiro da Obra de Celanova (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cruz erguida en 1939 pola Falanxe no Outeiro da Obra de Celanova (Foto: Nós Diario).

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova vén de completar unha rolda de entrevistas cos diferentes grupos políticos para solicitar o seu apoio á retirada da cruz fascista do Outeiro da Obra, erguida pola Falanxe en 1939.

Nestes encontros trasladouse o informe histórico elaborado por membros do Comité no que, aseguran, "se demostra o carácter de símbolo de exaltación do golpe de Estado, a ditadura e o franquismo".

Este documento é froito de máis de dous meses de traballo, nos que se visitaron arquivos históricos e outras fontes de documentación en Celanova, Ourense, Ferrol, Madrid e Figueres, e relata, "por primeira vez en 80 anos", o acontecido no verán de 1939 no municipio.

Porén, co paso do tempo, o significado do monumento foise deturpando: "A xente da época non pisaba o lugar porque sabía que conmemoraba unha barbarie, mais esa xeración foi morrendo e o seu significado mudou desde que nos anos 70 e 80 a Igrexa e o Concello converteron o lugar nun merendoiro e mudaron o nome de Outeiro da Obra por Outeiro da Cruz", explicaba recentemente a Nós Diario Érik Dobaño, representante do Comité de Memoria.

Sen resposta do PP

O grupo de Goberno, conformado por Celanova Decide e o PSOE, e mais o BNG xa anunciaron que trasladarán ao vindeiro Pleno a proposta de retirada da cruz.

Porén, o PP non ofreceu resposta, mais a través da súa canle de Facebook convidou a "contar ben a historia".

"Entendemos que a historia temos que contala toda, sen ocultar unha parte, pois é a raíz do futuro. Se a unha árbore lle cortan unha parte da súa raíz, o seu crecemento vai ser deforme", expuxo no comunicado.

Comentarios